“A Xunta debe abrir o debate para elaborar unha lei galega de educación”

A Plataforma galega en defensa do ensino público valorou positivamente a greve no ensino convocada por Erguer e que apoiou con 11 concentracións noutras tantas vilas e cidades.

A Plataforma galega en defensa do ensino público (PGDEP) valorou positivamente o seguimento da greve convocada por Erguer no ensino secundario e universitario. Considera que o nivel de protesta e mobilización destes meses amosan que o goberno central debería derrogar a Lomce e o galego abrir o debate para elaborar unha lei galega de educación.

Anxo Louzao, portavoz da Plataforma e secretario nacional de CIG-Ensino, denunciou que malia a “os anuncios propagandísticos” do goberno do PP, “nin se derrogou a LOMCE, nin se derrogaron as reválidas”. Cuestionou tamén o Pacto pola Educación presentado polo Ministerio “de forma propagandística”. A este respecto denunciou que é “unha fraude” porque “tanto a súa concepción, como os seus obxectivos, nada teñen que ver coas nosas demandas”.