Segue descontrolada a vaga de incendios que xa calcinou 31.500 hectáreas

A veciñanza colabora nos labores de extinción dos incendios. (Foto: Nós Diario)

A vaga de incendios que afecta á Galiza desde a semana pasada continúa sen control e calcinou xa máis de 31.500 hectáreas. Na actualización ofrecida pola Consellaría de Medio Rural na mañá desta sexta feira, o lume de Vilariño de Conso, parroquia de Padroalbar, que afecta o Parque Natural do Invernadoiro, creceu até as 5.500 hectáreas, 300 máis que na tarde da quinta feira.

Mentres, a superficie arrasada permanece sen cambios nos dous principais lumes, os de Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón -no que se xuntaron catro incendios- e en Carballeda de Valdeorras -con afectación ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra-, que son xa de proporcións históricas ao superar as 10.000 hectáreas cada un deles.

Precisamente, as Situacións 2 -alerta por risco de proximidade de chamas ás casas- que se manteñen activas na Galiza son as que afectan os núcleos de: Parada dos Montes (Folgoso), Busto (A Pobra), Candeda (Carballeda) e Gamiz, noutro incendio en Folgoso que calcina 1.100 hectáreas.

Pola súa parte, no municipio de Oímbra hai tres incendios que entraron de Portugal e que a Xunta dá por estabilizados (non controlados). O de maior superficie é o de Rabal, con 2.100 hectáreas, o que supón 300 hectáreas máis que na anterior xornada. Os outros dous son os de Videferre -600 hectáreas- e San Cibrao -400 hectáreas-.

Outros 13 incendios máis

A lista de incendios na Galiza complétase con media 13 máis. Un na comarca do Deza, no concello de Rodeiro, parroquia de Guillar, que quedou extinguido na noite da quinta despois de calcinar 110 hectáreas -todas de monte-.

Así, en Cervantes hai dous lumes, o do Castro, que está controlado e queima máis de 20 hectáreas, e o de Cereixedo, estabilizado e con 65 hectáreas. En Quiroga, o lume de Outeiro está controlado -250 hectáreas- e o de Nocedo está estabilizado -15 hectáreas-. A eles súmanse dous incendios controlados en Palas, parroquia de Ramil -375 hectáreas-, e en Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante -40 hectáreas-.

A esta superficie hai que engadir 619 hectáreas de terreo queimadas por incendios dos que Medio Rural xa informou da súa extinción nos últimos días. En concreto, trátase dos de: Cualedro -31 hectáreas-; Baiona -46 hectáreas-; Melón -dous lumes que suman 98 hectáreas-; Quiroga -83 hectáreas-; Ribadavia -67 hectáreas-; Covelo -37 hectáreas-; Cervantes, parroquias de Donís -75 hectáreas- e Noceda -182 hectáreas-.