O sector sae "esperanzado" da mesa de traballo da eólica mariña

Adolfo Méndez, Torcuato Teixeira e José María Gallart (Foto: Nós Diario)
Teixeira salienta a "predisposición a escoitar" do Miteco.

A primeira mesa de traballo organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para tratar o desenvolvemento da enerxía eólica mariña no litoral estatal reuniuse esta cuarta feira, unha xuntanza na que, en palabras do avogado e representante da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixera,"notamos predisposición ao diálogo". 

En declaracións a Nós Diario  ao remate da reunión, Teixeira puxo en valor que na xuntanza estivesen presentes "todos os actores" que consideran que deben de estar presentes á hora de falar da eólica mariña, como o Ministerio de Pesca ou o Instituto español de Oceanografía, para alén do Miteco e o propio sector. "Aseguraron que nestes meses iremos coñecendo as conclusións dos estudios sobre os impactos socioeconómicos e ambientais" desta industria, o que "nos dotará dunha mellor base" para valorar os proxectos, apuntou.

Neste sentido, Teixeira tamén indicou que os representantes do Ministerio lles anunciaron que varias das alegacións presentadas polo sector á eólica mariña "melloraban o proxecto incicial", polo que podían ser aceptadas. Porén, non se referiron a cales serían estas alegacións.

Torcuato Teixeira, portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, estivo acompañado na reunión por Adolfo Méndez, vicepresidente da mesma e presidente das Confrarías de Asturias, e á cita asistíu tamén José María Gallart, de Cepesca.

Manter as mobilizacións

Malia as boas sensacións  da xuntanza de onte, a Plataforma manterá as mobilizacións previstas para estes meses, "á espera de que as boas palabras sde transformen en feitos".

Esta mesa de traballo reunirase, en principio, cunha perioricidade trimestral.