O sector do mar exixe atallar a alta mortaldade de bivalvos en Arousa

Navallas mortas aparecidas esta semana na praia da Lanzada, no Grove (comarca do Salnés). (Foto: Nós Diario)
A Xunta asocia as mortes á temperatura da auga

Desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) afirmaron esta sexta feira que o devalo produtivo da ría arousá "vén de lonxe", unhas declaracións que realizaron logo de que a praia da Lanzada, no Grove (O Salnés), volvera aparecer na quinta feira cuberta de miles de navallas mortas. Trátase do terceiro episodio destas características que se rexistra na Galiza en menos dun mes.  

"É necesario abordar seriamente o declive de produción da ría de Arousa no seu conxunto", sinala a Nós Diario o portavoz da plataforma, Xaquín Rubido.

"É preciso destinar un gasto público a realizar un estudo serio e rigoroso e multidisciplinar que aborde as causas", di, que neste caso "pode ser só unha", en referencia á temperatura da auga sinalada pola Consellaría do Mar. "Danse episodios deste tipo noutras épocas do ano, con temperaturas menores e por causas diversas", explica Rubido. 

Temperatura do mar

A falta de recibir os resultados das análises realizadas polos acontecementos rexistrados nas pasadas semanas, a Consellaría do Mar xa asociou estes fenómenos espontáneos de alta mortaldade dos bivalvos ás "elevadas temperaturas" que se rexistran nos últimos días nas augas do Atlántico Norte.

"Todo apunta a que estes episodios responden a unha combinación das condicións meteorolóxicas e marítimas excepcionais rexistradas, pois a temperatura da auga en superficie está a ser superior á habitual, situándose arredor dos vinte graos". 

Para a PDRA existe un problema de fondo que vén "latexando" desde o ano 2011 ou 2013, en función do recurso extraído, que se manifesta nun devalo produtivo constante. Unha baixada na produción que, segundo afirma Rubido, debería abordar "a Administración competente que é a Xunta da Galiza".