A seca obriga a Ribas de Sil a abastecer algunhas parroquias con camións cisterna

Vista aérea da parroquia de Rairos, en Ribas de Sil (Foto: Nós Diario).
A seca comeza a afectar a algúns concellos, un exemplo é o de Ribas de Sil, O Concello de Pontevedra, polo seu lado, reduce un 78% o gasto de auga pola situación do río Lérez.

A falta de auga está a afectar algúns puntos da Galiza. Un exemplo é o municipio de Ribas de Sil que informou esta cuarta feira de que algunhas parroquias necesitaron camións cisterna para abastecerse. O seu alcalde, Miguel Ángel Sotuela (PSdeG), recoñece que hai un "problema importante" no seu concello, dado que "nalgúns núcleos que teñen augas veciñais" precisaron este reforzo.

Ademais, o Concello colocou "bandos en parroquias" para fomentar "o aforro" no consumo deste recurso no que piden evitar baldeos e lavados de coches. "Baixou moitísimo o nivel do río Sil, que é onde bombeamos auga, e baixou tamén o caudal do regato do que collemos auga e logo saneamos potabilizándoa", lamenta. 

Pontevedra reduciu nun 78% o gasto de auga 

O Concello de Pontevedra, segundo informa nun comunicado, continúa estudando e afondando nas medidas adaptadas para loitar contra a seca que está a vivir o municipio. “Se ben o río Lérez logrou acadar certa estabilidade no seu caudal ecolóxico, é preciso seguir divulgando en materia de prevención e continuar concienciando no uso excesivo da auga, sexa a través das instalacións públicas ou das privadas”, sinalan desde o consistorio.

Nese sentido, a concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, explica que neste momento, o Concello logrou reducir a cantidade de auga usada para os baldeos das rúas nun 78%. 

Así, se nun verán normal eran gastados un total aproximado de 32.000 litros de auga ao día nesta actuación, agora mesmo só se están a consumir 7.000 litros de auga ao día. Malia o aforro, seguen mantendo a hixiene e a saúde pública. Neste sentido a edil asegura que deu orde ao servizo municipal para preparar as condicións de baldeo durante as Festas da Peregrina.

Desde o Concello aseguran que se nun ano prepandemia os baldeos consumían uns 42.000 litros de auga ao día, sumando os manuais e os mecánicos; este ano serán reducidos nun 60%, baixando até os 15.000 litros ao día. 

Desautorizan a praia fluvial de Lugo 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil -dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica- considera que "non é autorizábel" a nova localización proxectada polo Concello de Lugo para unha praia fluvial no río Miño, con base no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta. Nel, indícase que o novo emprazamento da zona de baño non é autorizábel porque acusaría danos á colonia e ao hábitat de dúas especies protexidas existentes no lugar da instalación proxectada.