Seaga comezará a retirar niños de velutina a vindeira semana

Hai sete anos que se detectaron as primeiras avespas asiáticas (Imaxe: Pixabay).
A Xunta e a empresa pública asinaron onte un acordo, orzamentado en 2,3 millóns de euros, para que esta asuma a retirada e destrución de niños de avespa asiática.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) fixo onte público o acordo entre a Xunta da Galiza e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) para que esta asuma as tarefas de retirada e eliminación de niños incluída no programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática, asinado entre a Administración e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).O orzamento destinado a estas actuacións, que comezarán o 15 de xaneiro, ascende a 2.074.378,26 euros.

No mesmo día o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou a encomenda a Seaga nun acto no que participaron a directora xeral de Administración Local, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández.
Durante o acto, Rueda destacou que a día de hoxe 275 municipios están adheridos ao plan asinado coa Fegamp, case 90% do total.

O equipo de intervención de Seaga contará con 76 traballadoras, distribuídas entre os seus cinco centros. No marco das súas actuacións, disporán de prazos de  cinco días hábiles para retirar os niños accesíbeis; é dicir, a menos de 25 metros de altura, e máis de cinco no caso de niños de difícil acceso ou que non estean localizados en altura. Durante a presentación, Rueda destacou que o persoal de Seaga recibirá formación específica para o tratamento da velutina, para axustarse á normativa vixente que regula a capacitación para realizar tratamentos con biocidas. Ademais, anunciou, proverase ás profesionais cos equipamentos necesarios. 

Un plan unificado

Até o acordo asinado entre a Xunta e a Fegamp, os protocolos de actuación para combater a vespa asiática variaban entre municipios. Esta proposta rematou cunha vía cuádrupla que se empregou tras a chegada da praga a Galiza para erradicar os niños. Até o de agora, 124 Concellos optaban por dedicar os seus propios medios, ou medios cedidos pola Administración galega, para esta tarefa. En 106 son os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) quen a asumiron. Por último, a consellaría de Medio Ambiente foi até agora responsábel de retirar niños en 22 dos Concellos adheridos á Rede Natura, mentres a de Medio Rural facía o propio noutros 61.