Saúl Ares: "Considero, pola evolución dos casos, que xa hai transmisión comunitaria na Mariña"

Saúl Ares, físico e investigador no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC (Imaxe: Nós Diario)
O físico berciano Saúl Ares lidera un proxecto para predicir a dinámica epidémica da COVID-19 no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CISC. Ares está a seguir os datos do brote de coronavirus detectado na Mariña e valora que a súa evolución é "mala". "O principal problema é que as medidas sempre chegan con retardo", apunta.

—Atendendo aos datos do brote na comarca, como valora a súa evolución?

Valóroa mal porque a tendencia segue a ser exponencial, o que significa que o crecemento do brote non está a frearse. Non se trata dun brote moi explosivo, mais está medrando ao mesmo ritmo, o que é unha mala noticia.

—Cinco días abondan para que se deixe sentir o impacto do fechamento da Mariña?

Aí é onde teño eu a pregunta, porque realmente non sei cales son as medidas que se están a tomar na propia comarca. Simplemente está fechada para que a poboación non saia fóra?

—A máscara é obrigatoria e os locais manteñen a capacidade reducida nos locais.

Daquela a situación está case como antes do fechamento, case toda a xente emprégaa habitualmente. Eu penso que o fechamento é positivo para que o brote non se estenda, pero creo que deberan aplicarse outras medidas máis fortes  dentro para evitar que continúe a medrar na Mariña. Penso, como creo que moita xente, que o prazo de cinco días foi adoptado máis por motivos políticos que de saúde. Por outra banda, considero que é bo ser dinámicos, con prazos curtos para comprobar a evolución dos acontecementos para valorar se estender ou non estas medidas. A evolución é mala, veremos que se fai. 

—A celebración das probas ABAU ou das eleccións do domingo podería agravar a evolución da enfermidade?

A ABAU decorreu en todo o Estado con coidado, coas máscaras postas. Hai que ter en conta que nos exames o alumnado non está a falar, o que tería aumentando o risco. Non é bo, mais se se ten coidado non ten que haber problema. En canto as eleccións, o barullo que teño presenciado non é o máis recomendábel agora. Ademais, hai persoas que teñen que pasar case todo o día enteiro nos colexios. Pódense tomar medidas, claro, pero é complicado. 

—Que medidas considera daquela que serían axeitadas?

O confinamento foi moi efectivo. Decretouse tarde, cando xa tiñamos un número de casos tan alto que non se puido evitar a traxedia, mais a evolución non foi a que está a ter lugar no Brasil ou nos Estados Unidos. Na Mariña poderíase aplicar un confinamento semellante. O principal problema é que as medidas sempre chegan con retardo. Hai que adiantarse, tomar unha decisión, logo podemos retirala se a consideramos esaxerada. O contrario non funciona. 

—Un informe do Sergas da pasada fin de semana advirte da posíbel transmisión comunitaria. Coincide con esa valoración?

Quen teñen os datos son os profesionais sobre o terreo, mais penso, polo que eu podo analizar da evolución dos casos, que xa hai transmisión comunitaria. Non entendería que con brotes illados, nos que os contactos estean controlados, poida haber este crecemento exponencial.  Creo que desde o principio do brote hai unha serie de persoas asintomáticas que non estamos a ver e que están a facer que esa transmisión comunitaria teña lugar. 

—No rastrexo de contactos das persoas contaxiadas, que importancia ten atopar o paciente índice (o que comeza a cadea de transmisión da enfermidade)?

Non son epidemiólogo e non teño unha opinión ben formada, mais penso que chegado este momento non é tan importante. Pode haber máis dun, dous ou tres casos que comezasen a contaxiar. 

—Ten explicado que as dinámicas dunha epidemia non se poden predicir, pero é posíbel debullar posíbeis escenarios da súa evolución?

Podemos comparar que acontecería se a situación segue como até o de agora ou se se tomasen outras medidas de contención. Pero mentres o crecemento sexa exponencial como até o de agora non hai ningunha pista nos datos que poida dicir cando o brote vai comezar a frear. Isto pode acontecer mañá, dentro dunha semana ou de dúas. 

—Coa excepción do 7 de xullo, as pasadas xornadas rexistraron un número de novos casos cada vez máis alto. Tendo isto en conta, poderíase afirmar que o brote está baixo control?

Non, totalmente non. O brote estaría controlado se o número de novos casos fose máis lento do que agardaríamos tendo os datos que temos. E non está a ser así. De novo, quen o pode analizar mellor son os profesionais sobre o terreo. Se os contactos están localizados e controlados comprobarán que isto frea. Eu só vexo os casos novos de cada día, que é unha información moi nesgada que fai que eu poida equivocarme. Mais, a partir dela, o que podo deducir é esa falta de control.

—O acceso aos datos dispoñíbeis da pandemia no Estado suscitou numerosos debates. Considera que mellorou nestes meses?

Non aprendemos nada sobre datos e como transmitilos. As Administracións continúan a compartilos en formatos terríbeis, ás veces mesmo enganando un pouco. Por exemplo, o dato que hoxe compartiu a Xunta da Galiza era de 21 casos no brote da Mariña, porque estaban a tomar os casos novos e mais a restar os de persoas curadas. Un tiña que ler a noticia con atención para decatarse de que son 35 os novos casos na comarca. Así a Xunta e así o resto de Administracións. No caso galego, cun brote de poucos días, non é tan problemático tomar os datos e introducilos a man no ordenador, mais é o único modo de facelo agora".