Sarria pasa ao nivel máximo de restricións por un surto da Covid de orixe familiar

Un punto de probas da Covid-19 en Monforte. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os casos de contaxio vinculados á reunión xa ascenden a 28, segundo as autoridades sanitarias. No nivel medio-alto permanecen Camariñas, Cambre, Castroverde, Malpica e Poio.

Un foco de coronavirus en Sarria obrigou ao subcomité clínico a retomar as reunións -que desapareceran debido á melloría da pandemia e suplíanse só cun encontro de traballo semanal do Comité Clínico- de forma extraordinaria para estabelecer o nivel alto de restricións no concello.

Malia que de momento non se chegou á necesidade de decretar o fechamento perimetral e a paralización da hostalaría propias do nivel máximo, é a primeira vez que un municipio sube a este chanzo de risco desde hai semanas.

As e os expertos veñen de tomar a decisión despois de que na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte se localizase un surto de Covid-19 con 26 casos confirmados. As últimas informacións falan de 28 positivos ás PCR.

O gromo tivo a súa orixe, segundo parece, nunha comida familiar. O foco está "localizado e acoutado", pero aínda así é preciso incrementar as limitacións na vila para evitar que os contaxios vaian máis aló desa reunión.

O director asistencial da demarcación sanitaria, Rafael Monte Secades, concretou que o foco tivo lugar "no ambiente dunha comida familiar e de amigos que se realizou a fin de semana pasada".

Ademais, as e os afectados son, sobre todo, "xente nova e de mediana idade que non está vacinada", se ben de momento presenta "moi poucos síntomas".

Ao saber do sucedido, decorreu a "realización de cribados a todos os contactos destas persoas no ambiente de hostalería e os que frecuentan, con todos os seus coñecidos e persoas achegadas". No entanto, Monte recoñeceu que non hai cambios que impliquen repercusión asistencial "na Atención Primaria nin no hospital importante".

A partir do sábado

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido Martínez, explicou a Europa Press que a maioría das persoas infectadas "viven nun edificio" da rúa Calvo Sotelo. Malia ter a mesma orixe, o certo é que a localidade pasou a ter unha incidencia acumulada de 142 casos a sete días e 202 a catorce, o que fixo recomendábel tomar a decisión.

No nivel medio-alto permanecerán a partir da medianoite deste sábado Castroverde, Camariñas, Malpica de Bergantiños, Cambre e Poio. O resto dos municipios do país están en risco medio-baixo.