Sargadelos, máis que cerámica

A cerámica de Sargadelos cos seus debuxos xeométricos en azul cobalto e branco é un símbolo ineludíbel do deseño galego. Porén, a dimensión do proxecto de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane López escapa ao ámbito artístico e empresarial e lígase cun proxecto de restauración da Galiza soñado no desterro arxentino.

Ahistoria da cerámica en Sargadelos vén de vello. O propio Isaac Díaz Pardo recoñeceu que a idea de montar unha fábrica nesta parroquia do concello de Cervo xurdiu en 1946, lendo un libro do pintor Felipe Bello Piñeiro, La cerámica de Sargadelos, onde coñeceu o pasado da produción de louza nas terras mariñás e soubo da figura de Raimundo Ibáñez, natural dos Oscos, veciño de Ribadeo e moi influído polas ideas da Ilustración impulsou diversos proxectos empresariais, entre eles unha factoría para fabricación de cerámica que arrancou a súa actividade en 1806 e continuou o seu labor até 1832, 24 anos despois súa da morte, no contexto dunha revolta popular en Ribadeo no marco dos conflitos sociais vividos durante a guerra do francés.

As seguintes etapas da cerámica de Sargadelos van continuar ligadas á familia de Ibáñez. A coñecida como segunda época de Sargadelos alongouse entre 1835 e 1842 baixo o impulso do fillo do fundador e do empresario sevillano Antonio de Tapia, cunhas pezas inspiradas nos deseños da fábrica Hartley Greens and Company de Leeds. A denominada terceira época, sen ningún membro da familia Ibáñez na xestión e co complexo dirixido polo empresario compostelán Luís de la Riva, desenvolveuse entre 1845 e 1862 con máis 1.000 traballadores e traballadoras na factoría, presentando a louza grandes semellanzas coas formas británicas.

A cualificada como cuarta época, cun neto de Raimundo Ibáñez á fronte, limitouse ao quinquenio de 1870 á 1875, caracterizándose por recuperar deseños da primeira e da terceira etapas.

Un proxecto de dúas vítimas do franquismo

A proposta de recuperar a produción de louza en Sargadelos soñárona dúas vítimas do franquismo. Unha delas, Luís Seoane, definiuse a comezos dos anos 50, no seu exilio arxentino, como "contemporáneo ao deseño industrial e ao Bauhaus" e apostou por "elaborar unha Sargadelos, máis que cerámica Panorámica da factoría de Sargadelos, en Cervo. / Europa Press. A cerámica de Sargadelos cos seus debuxos xeométricos en azul cobalto e branco é un símbolo ineludíbel do deseño galego. Porén, a dimensión do proxecto de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane López escapa ao ámbito artístico e empresarial e lígase cun proxecto de restauración da Galiza soñado no desterro arxentino. Texto Redacción cerámica coas ferramentas propias do tempo sen deixar de lado a identidade propia e a historia do lugar onde se realiza".

Na mesma liña, insistiu anos máis tarde que "existen formas galegas inéditas que están na paisaxe, nas ferramentas, nos oficios e nos obxectos herdados". O outro, Isaac Díaz Pardo, após abandonar a súa carreira como pintor, ergueu unha fábrica de louza no Castro de Samoedo en Sada, onde ensaiou coas mesmas materias primas que traballou Ibáñez e soubo das  dificultades que impuxo o réxime aos disidentes.

O reencontro destas dúas persoas por volta de 1955 en Arxentina abriu a porta a posta en marcha do complexo cerámico de Sargadelos. A iniciativa enmarcouse nun proxecto máis amplo de restauración da personalidade da Galiza, onde se situaron outras iniciativas que viron a luz na segunda metade do século XX, como Cerámicas do Castro, Edicións do Castro, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información ou o recuperado Seminario de Estudos Galegos. O intelectual orgánico de todo este edificio foi o Laboratorio de Formas, presentado polos seus fundadores como un sistema arborescente cuxas raíces se fundiron nas xentes da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos e formado por un conxunto de pólas que xurdiron do propio Laboratorio.

A proposta programática e estética que guiou a cerámica de Sargadelos foi definida a comezos dos anos 60. A esa altura, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo iniciaron os traballos para pór en marcha a súa factoría nas terras da Mariña, sinalando que a "orixe das formas non debe someterse ao cosmopolitismo por respecto ao home, analizando aquelas que distinguen de antigo a arte da Galiza, tendo en conta as experiencias anónimas que inventaron hai centos de anos formas aínda actuais e que adquiriron particularidade galega". Nunha liña semellante, Luís Seoane na súa intervención durante a inauguración da fábrica, en maio de 1970, afirmou que "nós propugnamos polo cultivo das características culturais constitutivas dun país ou dunha nación. Non se trata de repetir formas ou estilos do pasado nun país, senón da actualización para o presente daquelas formas características".

Unha fábrica de feitura moderna ligada á tradición

As obras da actual factoría de Sargadelos comezaron en 1968, porén a inauguración da planta non se fixo efectiva até maio de 1970. O edificio foi o resultado dun longo proceso de reflexión entre Seoane, Díaz Pardo e o arquitecto da obra, Andrés Fernández-Alabalat, co obxectivo de que respondese ao proxecto que ía albergar. Así, o inmóbel separouse da arquetípica imaxe da fábrica fordista e converteuse nun conxunto de espazos con significado, ligada á tradición pero de feitura moderna, con volumes rotundos e encravados na paisaxe, dunha pegada construtivista. Neste sentido, o arquitecto Daniel Beiras sinalou que "Sargadelos é efectivamente como un rueiro, unha estrutura espacial habitábel e produtiva organizada arredor dun camiño, cunha focalidade moi clara e ao mesmo tempo gran permeabilidade e apertura a paisaxe".

Sargadelos é hoxe un espazo que liga a modernidade e a tradición na liña da proposta formulada polos seus impulsores. Seoane e Díaz Pardo negáronse a edificar as novas instalacións sobre as vellas construcións das factorías de Ibáñez, co obxectivo de preservar o pasado industrial da zona e ligala ao novo proxecto que arrancaron. Así, nas terras mariñas de Cervo atopámonos cos restos daquelas vellas cerámicas e siderúrxicas do século XIX, das dotacións a elas asociadas, como a presa ou o Pase dos Namorados, canda os inmóbeis dun novo espertar industrial galego pensado por dous significados membros de dúas xeracións galegas derrotadas en 1936. 

Luís Seoane

Foi un home do Renacemento trasladado ao século XX. Artista plástico na Galiza republicana, a súa militancia nacionalista obrigouno a exiliarse na Arxentina e a dedicarse profesionalmente ao que era a súa afección, mais tamén parte do seu compromiso político. Figura de referencia da pintura galega da súa época, creador dunha ampla obra muralística espallada fundamentalmente no continente americano, é o impulsor de toda unha liña de renovación da nosa arte. Seoane, recoñecido poeta e dramaturgo, promoveu proxectos do máis diverso a prol da Galiza, destacando os impulsados no ámbito editorial e da comunicación.

Isaac Díaz Pardo

Naceu rodeado de arte nunha casa taller onde seu pai, o artista mártir Camilo Díaz Baliño criou algúns dos deseños de máis relevo da historia da Galiza. Artista plástico desde os seus anos xuvenís, encarreirouse primeiramente á pintura, mais non tardou en dar o salto á cerámica. Á fronte da fábrica do Castro en Sada, da Madalena en Bos Aires ou de Sargadelos en Cervo, achegou formas para un tempo e para un país. O legado de Díaz Pardo fica para sempre asociado a ducias de iniciativas sociais e culturais que marcan a segunda metade do século XX na Galiza.

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.