Gastronomía

Santiago(é)Tapas comeza esta quinta feira con 40 locais participantes e 61 tapas

Algúns dos regalos que poderán recibir as persoas participantes. (Foto: Turismo de Santiago)
Repartirá máis de 200 agasallos para finalistas.

O concurso de tapas de Compostela, organizado por Turismo de Santiago, comeza esta quinta feira, 15 de febreiro, con 40 locais participantes, que ofrecerán 61 tapas até o vindeiro 3 de marzo. Santiago(é)Tapas decorre por primeira vez este ano no mes de febreiro, logo de que así o demandara a Asociación Hostelaría Compostela. Un cambio de datas que, non obstante, non afectou ao número de locais participantes.

Ao contrario, nesta edición participarán 40 estabelecementos e, en total, poderán degustarse 61 tapas, 29 creativas e 32 tradicionais, distribuídas en cinco rutas ou (é)tapas diferentes. 

Este ano haberá tres rutas especiais: unha sen glute, na que se inclúen 19 petiscos; outra vexetariana con 11 propostas; e unha doce, novidade desta edición, composta por 15 tapas.

200 agasallos

Nesta edición, desde Turismo de Santiago ofrecerán se máis de 200 agasallos para aquelas persoas que cubran algunha das rutas definidas no Tapasporte. Entre os agasallos inclúense produtos gastronómicos, como Piedras de Santiago; botellas de viño, queixos, meles e packs de produtos gastronómicos; entradas para espectáculos, festivais e o Museo da Cervexa (Mega); masaxes e agasallos de saúde e benestar; noites de hotel; ceas e xantares «experiencia» e abonos para o Obradoiro CAB.

Mesmo exemplares asinados do libro O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales, no que Santiago de Compostela e os seus estabelecementos de restauración teñen unha destacada presenza.