Santa Comba insta á concesionaria da mina de wólfram a paralizar unhas obras que carecen de permisos

Auga residual que parte da mina de Varilongo (Imaxe: Ecoloxistas en Acción).
Ordenou a paralización as obras que está a levar en dominio público mais sen contar cos preceptivos permisos municipais, advertindo a compañía que de en caso contrario adoptará as medidas cautelares oportunas para garantilo. Entidades ecoloxistas denunciaron estes feitos ante Augas da Galiza e mais a Fiscalía.

O Concello de Santa Comba solicitou un expediente de reposición da legalidade urbanística contra a empresa Galicia Tin&Tungsten S.L., a concesionaria da mina de Varilongo de Santa Comba da que se extraeu wólfram até 1985.

A compañía, a súa vez propiedade da australiana Rafaella Resources, levou a cabo obras sobre unha vía pública sen contar coa preceptiva licenza municipal.

Os traballos leváronse a cabo na pista pública de concentración parcelaria A Carballeira, fronte a unha galería da antiga explotación. A compañía estaría empregando unha serie de tubaxes para baleirar dita galería de auga. A comezos do mes de novembro, diversas entidades ecoloxistas advertiron destes feitos.

O Concello de Santa Comba ordenou a paralización de ditas obras, advertindo a compañía que de en caso contrario adoptará as medidas cautelares oportunas para garantilo, desde “o precinto das obras, a retirada de materiais e maquinaria “ pasando pola imposición de “multas coercitivas”.

A entidade ecoloxista Petón de Lobo, unha das que denunciou as obras, dirixiu un escrito a Augas da Galiza, organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente, instando á paralización das verteduras.

“Os mesmos feitos  foron postos en coñecemento da Fiscalía, pois poderían ser constitutivos dun presunto delito contra o medio ambiente”, informou esta asociación a través dun comunicado dirixido aos medios.