Reactívase a mina de Varilongo sen autorización ambiental, denuncian ecoloxistas

Imaxe de arquivo dun regato perto dunha mina.

“A empresa non dispón de autorización para o baleirado das plantas inundadas e vertedura sen tratamento das augas ao dominio público hidráulico”, afirma Petón do Lobo.

O entramado de empresas Tin & Tungsten SL, Rafaella Resources, Ulex Minerals e Eurobattery Minerals estaría a reactivar o funcionamento da minade Varilongo sen as preceptivas autorizacións da Consellería de Industria, de Augas de Galiza e da Consellería de Medio Ambiente. Esta é a denuncia que fai a asociación Petón do Lobo.

As augas residuais de mina que están sendo bombeadas levan acumuladas no interior da mina case 30 anos, explica este colectivo, que informa que desde finais dos anos 1980, “contendo con toda probabilidade altas concentracións de metais pesados, ao tratarse dunha antiga explotación de minería metálica con importantes cantidades cuxo xacemento contén importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita) xeradores de drenaxes ácidas de mina, susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente”. 

As evidencias visuais da contaminación por metais pesados son claramente perceptíbeis no transcurso dos 6 km do rego da Braña Ancha desde as instalacións mineiras ata a súa confluencia co Río Xallas

“As evidencias visuais da contaminación por metais pesados son claramente perceptíbeis no transcurso dos 6 km do rego da Braña Ancha desde as instalacións mineiras ata a súa confluencia co Río Xallas.

Durante este percurso, e ata a confluencia do Xallas, hai diversos puntos onde se observan precipitados metálicos en prados e canles resultantes das enchentes que as chuivas dos últimos días provocaron en diversos tramos do río”, afirman nun comunicado.  

Petón do Lobo afirma que denunciaron os feitos ante Augas de Galiza, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos naturais da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta e concello de Santa Comba.

Insta a que  procedan de inmediato á paralización das labores da empresa que xestiona o Grupo Mineiro Santa Comba e a incoación do correspondente procedemento sancionador ante os indicios dun posible ilícito penal contra o medio ambiente e os recursos naturais”.