A Mina de Santa Comba chega ao Parlamento Federal Alemán

Eva Schreiber, Die Linke

O Secretario de Estado do Ministerio da Economía alemán tivo que negar a implicación coa mina na galiza ante unha pregunta da deputada Eva Schreiber (Die Linke).

"A empresa mentiu aos accionistas dicindo que dispuña dunha liña oficial de crédito de 11 millóns de euros do Goberno Federal Alemán" afirma ContraMINAcción.

A mina de estaño e volframio de Varilongo, em Santa Comba, volve ser noticia, desta volta en Alemaña, onde estivo presente nun debate no Parlamento Federal na sesión do día 4, logo de que a rede galega “ContraMINAcción” e a plataforma “BerXallas-Minaría Destrutiva Non” achegasen información detallada á deputada Eva Schreider, de Die Linke.
 
Eva Schreiber, informa ContraMINAcción nun comunicado, xa presentara en outubro unha pregunta escrita dirixida ao Ministero de Economía pola axuda económica que supostamente tería prometido o Goberno Federal Alemán para a reactivación desta mina, “que carece de avaliación de impacto ambiental e que aínda así reanudou este mes a súa actividade logo de abandonarse en 1986”.
 
A resposta do Secretário de Estado de Política Económica, Industrial e Comercio Exterior, Ulrich Nussbaum, á deputada de Die Linke, “deixou en evidencia como a empresa australiana viña mentindo sistematicamente aos medios de comunicación e accionistas, afirmando que xa tiña recibido financiamento público alemán ademais de ter asegurada a “pre-aprobación” dunha garantía de crédito de 11 millóns de euros do Goberno da Alemaña, o que foi negado frontalmente polo Goberno Federal”.
 
ContraMINAcción afirma que esa resposta “levantou as alarmas sobre como a actual concesionaria, Galicia Tin & Tungsten, ligada a un holding opaco con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas e conectada co administrador que levou á anterior concesionaria á quebra, pretendía dar credibilidade a un proxecto con graves impactos ambientais e de duvidosa legalidade cun apoio público alemán inexistente”.
 
No pleno do 4 de novembro formuláronse dúas novas preguntas orais para saber que medidas tiña pensado adoptar o Goberno Federal ante a conducta da concesionaria da mina de Santa Comba. “Nas súas respostas o Goberno federal indicou que vai entrar en contacto con Rafaella Resources Ltd. para pedirlle que deixe de facer este tipo de afirmacións e que as elimine das súas páxinas web”.
 
O programa UFK esixe estrictos requisitos de avaliación ambiental para todos os proxectos financiados, o que motivou que ContraMINAcción e a recentemente creada plataforma BerXallas-Minaría Destrutiva Non achegaran ao Parlamento Alemán información sobre o proxecto mineiro aprobado en 2011, que “debía terse sometido a avaliación de impacto ambiental, trámite que o departamento de minas dirixido por Ángel Bernardo Tahoces tentou evitar a toda costa, e dos danos ambientais que está a causar debido á drenaxes ácidas de mina provocadas polos sulfuros”.