Sanidade deberá indemnizar con 220.000 euros a familia dun home morto por unha infección contraída nunha operación

Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela (Foto: Europa Press).
O caso remóntase a xuño de 2016, cando o paciente, que arrastraba problemas cardíacos e nese momento tiña 59 anos, foi sometido a unha intervención cirúrxica no servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario da Coruña.

A Consellaría de Sanidade recoñeceu o dereito de percibir unha indemnización de 220.000 euros á familia dun home falecido no verán de 2019 debido a unha infección bacteriana contraída durante unha operación vascular á que foi sometido dous anos antes no Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac).

A resolución pon así fin á vía administrativa co recoñecemento parcial da reclamación patrimonial, aberta pola propia vítima meses antes da súa morte tres anos despois da intervención na cal acabou infectado por unha microbacteria cuxo diagnóstico se demorou durante dous anos.

A Administración galega outorga unha compensación económica de 220.000 euros á viúva e fillos do falecido (que teñen agora a opción de recorrer á vía xudicial) ao recoñecer a súa responsabilidade no caso, aínda que descarga parte da culpa na empresa que forneceu o material causante da infección.

O caso

O caso remóntase a xuño de 2016, cando o paciente, que arrastraba problemas cardíacos e nese momento tiña 59 anos, foi sometido a unha intervención cirúrxica no servizo de Cardioloxía do Chuac para a substitución da válvula aórtica e da aorta ascedente.

Por causa da operación, o home empezou a padecer problemas de saúde con febres recorrentes e outro tipo de malestar que, nun principio, se atribuíron a gripes e mononucleoses.

En xuño de 2018, dous anos despois da intervención, os resultados dun cultivo determinaron que padecía unha infección por Mycobacterium chimaera.

Como posteriormente se demostrou, a orixe da infección está na intervención á que se sometera dous anos atrás. Existen varias investigacións epidemiolóxicas que vinculan a infección cos aparellos empregados para operacións cardiovasculares que poden conter esta bacteria, contaminar o ar do quirófano e transmitirse ao paciente.

O Sergas recoñece a súa responsabilidade no desenlace do caso, aínda que defende que aplicou o contido das notas de seguridade da empresa subministradora para evitar as infeccións.

"A Administración sanitaria galega limitouse á adquisición e á implantación dun produto sanitario autorizado que ofrecía as garantías requiridas no momento da súa adquisición, polo que a posíbel responsabilidade por defectos de tal produto, de existir este, non pode imputarse ao Servizo Galego de Saúde", remarcou a Consellaría de Sanidade.