Sanidade xustifica as restricións en Vilagarcía porque se duplicaron os casos de Covid-19

Axentes da Brilat despregáronse hai uns meses en Vilagarcía para tarefas de desinfección. (Foto: Brilat / Europa Press)
As limitacións tamén afectan a Ames, particularmente á localidade de Milladoiro. A Consellaría destaca, nas súas ordes publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) que Ourense "segue tendo características de alto risco" e na comarca de Pontevedra a situación "non está baixo control" tras dúas semanas.

As restricións en Vilagarcía anunciadas pola Xunta veñen dadas porque entre o 16 e o 22 de setembro duplicouse a incidencia do virus no municipio. Así o explicou esta quinta feira a Consellaría de Sanidade, que aclarou que no caso de Milladoiro a decisión tomouse polo incremento no número de casos positivos e ser a segunda localidade da área sanitaria compostelá con máis doentes.

Estas explicacións aparecen nas diferentes ordes publicadas no Diario Oficial da Galiza (COG), após a reunión de avaliación por parte do comité clínico que fai o seguemento da pandemia.

No caso de Vilagarcía, o texto escrito por Sanidade explica que a incidencia da Covid-19 "aumenta desde principios de setembro" e "é máis do dobre entre o 16 e 22", o que "indica un empeoramento da situación epidemiolóxica".

"O feito de que Vilagarcía teña unha estrutura, no seu maior parte, urbana, de feito é o noveno concello en número de habitantes de Galicia, que as taxas de incidencia estean en aumento e que o número reprodutivo instantáneo tamén estea elevado fai previsible que o brote neste municipio continúe o seu crecemento", recalca a orde.

O departamento de Julio García Comesaña recoñece que o gromo "ten capacidade para seguir crecendo pero tamén pode ser controlado se se establecen as medidas adecuadas". É dicir, limitar o número de participantes nas reunións ou os accesos aos estabelecementos.

O municipio de Ames, xunto co de Compostela, presenta na comarca compostelá "o maior número de casos, que van en aumento nos últimos días". O documento especifíca que a situación de Milladoiro é especial "debido fundamentalmente a un evento de gran potencial de expansión da infección". 

Segundo a Consellaría, "atendidos os grupos de idade máis afectados, existe un número importante de infectados asintomáticos ou con síntomas moi leves, o que facilita a transmisión da infección". Por iso, propón prohibicións na parroquia de Santa María de Biduído en Milladoiro

Máis control en Ourense

A partir desta quinta feira as medidas restritivas tamén chegan a máis barrios de Ourense. Coa expansión dos abrochos en aumento, "especialmente a sete días", faise necesario un endurecemento das condicións

O aumento "é especialmente destacable" na cidade, "xa que os casos diarios seguen a aparecer de modo continuo, feito que non acontece noutros concellos da área".

"Esta taxa de incidencia a sete días duplica a taxa do conxunto de Galicia calculada para estes mesmo sete días", explícase desde o departamento da Xunta, para subliñar que "o brote neste concello non está a evolucionar claramente no sentido positivo".

Pontevedra e A Coruña

Na comarca de Pontevedra, explícase noutro documento no DOG, a taxa de incidencia, "aínda que cunha lixeira baixada, segue sendo importante" o que indica que "o gromo non está baixo control" e a porcentaxe de positividad "refire que a transmisión segue sendo importante". 

As localidades de Vilaboa, Poio e Pontevedra mantéñense como as peor paradas cunha "incidencia importante con aparición, ademais, de casos de modo diario".

Na comarca do Morrazo a taxa ascende froito "claramente ao aumento de casos e da taxa no concello de Marín".

"O número reprodutivo instantáneo, aínda que está a baixar, aínda mostra que a transmisión está activa e poden seguir xerándose casos a partir doutros". Ademais, matiza que os grupos de idade máis afectados corresponden a idades moi novas, "o que pode favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas", sostén o equipo de García Comesaña.

No concello da Coruña "aínda que se observa unha mellora sostida neste concello, as taxas acumuladas están por encima da taxa acumulada total de Galicia e o número de casos nos últimos días segue sendo alto", o que fai recomendábel "manter as medidas restritivas actuais nas zonas de maior incidencia".

Non empeora en Lugo

Tamén a evolución da situación na contorna de Lugo fai que se manteñan as limitacións con independencia de que "a evolución deste brote non está a empeorar" e as taxas están acumuladas a tres, sete e 14 días en niveis altos.