O coronavirus deixa 270 novos contaxios na Galiza e até 5 falecementos

Zona de 'auto-covid' no hospital Álvaro Cunqueiro. (Foto: Picasa / Sergas)
Cando menos unha das vítimas estaba vinculada a un centro residencial. As áreas sanitarias con maior ritmo de propagación do virus son as de Ourense e Pontevedra, sobre as que pesan medidas restritivas.

A pandemia da Covid-19 na Galiza provocou nas últimas 24 horas cinco falecementos, o que sitúa o número de vítimas desta enfermidade en 726 desde que comezou a súa afección ao país. Ademais, a Dirección Xeral de Saúde Pública rexistrou 270 contaxios máis, se ben os casos activos só se incrementaron nun.

En concreto, as zonas de maior propagación do coronavirus están a ser, nos últimos días e onte non foi unha excepción, as comarcas de Ourense e Pontevedra. Porén, tamén se deu unha subida limitada na demarcación sanitaria da Coruña e Cee.

Atendendo aos datos facilitados pola Xunta, neste último entorno hai 1.113 casos activos (tres máis que esta cuarta feira). No entanto na área sanitaria de Ourense xa hai 659 doentes, cun crecemento de 57 entre a noite desta terza feira e onte.

En Pontevedra e O Salnés, onde tamén hai estipuladas limitacións ás reunións e á capacidade de distintos negocios e eventos, a cifra xa está nas 760 persoas afectadas (24 a maiores).

No resto das zonas déronse baixadas máis ou menos importantes. En Lugo, por exemplo, saíron desta listaxe 39 pacientes até quedar nas 640. Na bisbarra de Compostela e Barbanza, malia estabelecerse prohibicións desde hoxe en Ames, hay 25 casos activos menos que un día antes. Así limítanse a 608.

En Vigo quedan 502 pacientes (9 menos) e en Ferrol 179 (dez menos que 24 horas antes). Para contabilizar todos estes casos fixéronse 446.098 probas PCR

Vítimas e 34 persoas nas UCI

Das doentes que quedan, 34 están ingresadas nas distintas UCI da nazón, outras 200 en unidades de hospitalización e o resto permanecen na casa con seguemento vía telefónica.

No último parte de Sanidade aparecen cinco falecidas máis (unha vinculada a un xeriátrico), se ben nas últimas horas producíronse os pasamentos dun home de 93 anos que estaba sendo atendido no Hospital de Verín e outro de 87 que permanecía no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Tamén perdeu a vida polo virus, aínda que tiña patoloxías previas, unha muller de 88 anos que vivía na súa casa na área de Lugo.