O 10% dos casos activos polo virus están nas residencias de maiores

Fachada principal da residencia do Incio. (Foto: Concello do Incio / Alberto López)
Entre esta terza feira e onte subiron os contaxios entre as e os residentes até alcanzar os 307. Nos cadros de persoal de xeriátricos repartidos por toda a Galiza hai xa 118 doentes.

As e os usuarios de centros residenciais afectados polo coronavirus aumentaron en catro con respecto a onte, chegando a sumar 307 persoas infectadas neste tipo de complexos. Iso sen sumar ás traballadoras, que xa son outras 118 (unha máis que esta cuarta feira).

A Consellaría de Política Social vén de explicar que os positivos que incrementan o saldo, após a comunicación do falecemento dunha persoa residente nas últimas 24 horas, son seis doentes da residencia das Salinas, en Ourense, e un operario da mesmoa instalación.

A estes habería que sumarlles outros positivos soltos descubertos nas residencias Adcor da Coruña e Santa María, en Melón. O cómputo compénsase cos resultados negativos dun maior de Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, e dous operarios da DomusVi Lalín e A Saleta, en Cea.

Neste contexto, a infraestrutura con máis internas e internos afectados segue a ser a de Outeiro de Rei, con 131 casos. No Incio continúan activos 58 e no fogar residencial El Pinar, en Culleredo, 21. As tres están intervidas polo Xunta da Galiza.

No entanto, tamén son importantes os abrochos de Nosa Señora do Viso en Lobeira (46 afectadas), xestionada pola Fundación San Rosendo, e Ballesol (Oleiros), onde o total de usuarias e usuarios enfermos é de 30.

En canto ao resto dos centros con pacientes, a residencia As Salinas, de Ourense, suma 14 casos activos; mentres que a Orpea Coruña de Culleredo e a DomusVi Lalín teñen dúas, respectivamente. Política Social tamén contabiliza un usuario en cada unha das residencias de Arteixo, El Pilar e Os Pinos, no municipio da Rúa.

Os cadros de persoal

Por outra banda, segundo os últimos informes, hai 118 persoas dos cadros de persoal contaxiadas. A maioría están no Incio (35), pero na DomusVi Lugo tamén hai 24 casos activos.

En El Pinar, na localidade de Culleredo, seguen con síntomas sete operarias e nas Salinas hai catro operarias doentes.

A estes súmanse dous casos na residencia Ballesol de Oleiros, outros tantos no centro de Volta do Castro, en  Compostela. É a mesma cifra que dan en San Simón (Teo); Vitoria (Teo); Nosa Señora do Socorro (Arnoia), Doral Residencias (Mos); e CRAPD Vigo I e Residencia Santa Marta, ambas situadas no concello de Vigo..

Os centros para persoas con discapacidade rexistran 25 usuarios contaxiados, o que supón un máis (ligado á residencia de atención a persona con dano cerebral da Cruz Vermella en Castro de Rei), deles 24 na Residencia Ricardo Baró de Aspronaga e un en Pai Menni, en Betanzos, así como 18 traballadoras infectadas.