Sanidade suspende intervencións "non urxentes" en pleno pico da gripe

Jorge Aboal, Julio García Comesaña e Carmen Durán Parrondo, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
Persoal de Vigo denuncia o adiamento de 50% das cirurxías programadas pola falta de previsión.

A crise nos centros de saúde e hospitalarios da Galiza continúa á alza. A vaga de infeccións respiratorias, protagonizada por numerosos casos de gripe e Covid-19, así como a presenza do virus sincitial, está a saturar tanto a Atención Primaria como os servizos de urxencias dos hospitais. Porén, a gravidade da situación é tal que a crise comeza a espallarse á atención que prestan outros servizos hospitalarios.

Así o confirman a Nós Diario fontes da área sanitaria de Vigo, que indican a suspensión de parte da actividade cirúrxica a causa do elevado número de ingresos por gripe e Covid-19 é xa un feito, a pesar de que, segundo os datos de Sanidade, o nivel de incidencia destas infeccións é menor que o rexistrado o ano pasado. "A semana que vén está suspendida bastante actividade", afirman, engadindo que a previsión é suspender "sobre 40-50%". A falta de previsión da Consellaría de Sanidade, din, "é absoluta". "Calquera diría que vimos de pasar dunha pandemia", sentencian. 

Mais este colapso non é exclusivo do sur do país e a Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou esta sexta feira un novo incumprimento de "dereitos fundamentais de pacientes graves" en Urxencias.

"31 pacientes graves, en padiolas e cadeiras de rodas, foron colocados nos corredores de acceso" agardando a ser atendidos", explica o colectivo. A esa mesma hora, as 16.40 do 28 de decembro, "41 pacientes co ingreso asinado en planta ocupaban as zonas de traballo impedindo que os colocados nos corredores puideran recibir a atención requirida". Suman un total de 72 pacientes amoreados.  

"Non se garanten os dereitos fundamentais dos e das pacientes graves colocadas nos corredores nin se cumpren os principios de suficiencia e calidade", denuncian as usuarias, recordando que as doenzas estacionais "non son un suceso imprevisto". "Deberían estar xa operativos plans de continxencia", aclaran. 

Volver ás máscaras

Uns plans de continxencia que chegaron, finalmente, esta sexta feira. Logo de que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, receitara á poboación galega "sentidiño" como remedio ao colapso dos servizos sanitarios, Sanidade anunciou esta sexta a recomendación, con carácter xeral, do uso da máscara para todos os seus centros, tanto centros hospitalarios como de Primaria. 

Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa conxunta coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, para valorar a situación da onda de infeccións respiratorias e a situación duns  servizos de Urxencias que, segundo afirmou o propio conselleiro "non están colapsados". "As urxencias galegas non colapsaron nin na pandemia. Están traballando con normalidade", respondeu Comesaña aos medios. 

Os responsábeis do Sergas explicaron que aumentaron un 8% as asistencias a Urxencias no mes de decembro deste ano –de 2.500 en 2022 a 2.700 neste ano– e, ante a posibilidade de estar en pleno pico da gripe ou a punto de que chegue, adoptáronse medidas. Así, á parte da recomendación –non obrigación–, que entrou en vigor ás 15 horas desta sexta, activáronse os plans de continxencia nos hospitais coa contratación de persoal, incluídos profesionais médicos e de Enfermaría, e a habilitación dun total de 90 camas en todas as áreas sanitarias excepto na de Lugo, A Mariña e Monforte.

Falta de persoal

A Comisión de Atención Primaria da Área Sanitaria da Coruña-Cee presentou esta sexta feirapor rexistro na Xunta da Galiza un escrito para reclamar a reposición de persoal facultativo no Centro Penitenciario de Teixeiro, en Curtis (As Mariñas). Debido á falta de persoal médico neste centro, os equipos do PAC de Teixeiro "téñense que mobilizar até o cárcere para dar atención aos internos que requiren asistencia sanitaria". 

Indemnización

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza fixou en 90.000 euros a indemnización que, en concepto de dano moral procedente dunha perda de oportunidade, debe aboar o Sergas a un paciente ao que extirparon o bazo e parte do páncreas tras unha demora de tres anos na diagnose dun carcinoma renal.