A sanidade do Salnés, ao límite: sen médicos en Baltar e con 28% do persoal en Vilagarcía

Veciñanza de Sanxenxo, nunha protesta pasada a prol da sanidade pública (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo).
Colectivos en defensa da sanidade pública advirten que a Atención Primaria, que xa se viu obrigada a suspender a actividade cotiá na área de Vigo, camiña cara a unha "crise irreversíbel".

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) vén de denunciar a "situación extrema" que afecta o sistema sanitario galego, "nomeadamente os servizos de Atención Primaria e as áreas sanitarias".

O colectivo responsabiliza desta situación a "política de recortes do PP en persoal" e o "desmantelamento da Atención Primaria", unha serie de decisións políticas que, ao seu xuízo, levaron o país ao "límite" en boa parte dos centros de saúde, Puntos de Atención Continuada (PAC) ou os propios hospitais.

Neste senso, a AGDSP salienta os lugares nos que a situación dos servizos sanitarios é máis crítica, pondo o foco na comarca do Salnés.

Vilagarcía só ten 28% do persoal médico

Nas últimas datas, no centro de saúde de Vilagarcía só había "catro profesionais médicos dun total de 14", o que supón unha redución de 72% do persoal.

As urxencias de Baltar (Sanxenxo), ao PAC do Grove

No PAC de Baltar, en Sanxenxo, esta fin de semana "non había persoal médico e só unha enfermeira e unha celadora", denuncia a asociación. Isto provocou o fechamento do servizo de urxencias e que as persoas doentes fosen derivadas ao PAC do Grove, a doce quilómetros de distancia e "cunha falta evidente de recursos".

Aliás, o servizo de Farmacia do Hospital do Salnés, salientan, "non atende debido ás vacacións do seu titular, cuxo posto non se cubriu no Nadal". As persoas doentes, en consecuencia, deben desprazarse ao Hospital de Montecelo (Pontevedra), a 30 quilómetros.

Sen atención a domicilio en Caldas

O PAC de Caldas, pola súa parte, funciona desde esta semana cun só médico, "o que impide atender as urxencias a domicilio".

A Primaria, cara a unha "crise irreversíbel"

Por estes motivos, a ADSPG considera "inaceptábel" a "actitude de inhibición" da Consellaría de Sanidade, "responsábel dunha situación que non semella que vaia mudar". Como "mostra", sostén, "a redución de 2% nos orzamentos da Primaria para 2022".     

"De non modificarse esta situación, a Atención Primaria e os hospitais comarcais poden acabar nunha crise irreversíbel que tería consecuencias demoledoras para o conxunto do sistema sanitario público da Galiza e para a saúde da poboación", conclúen.