Rueda "urxe" prolongar a idade de xubilación dos médicos até os 72 anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda asegura estar disposto a "chegar a acordos" na Conferencia de Presidentes onde falará de financiamento autonómico, inmigración, vivenda e sanidade. Neste último apartado cre que "urxe" prolongar a idade de xubilación dos médicos.

o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión de Consello desta semana. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión de Consello desta semana. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, está disposto a "chegar a acordos" co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na próxima Conferencia de Presidentes que terá lugar o 13 de decembro".

"Levamos meses pedindo a Conferencia de Presidentes e conforme avanzaban facíase máis necesaria", sinalou nunha entrevista este domingo no xornal Faro de Vigo, recollida por Europa Press.

Rueda confirmou que os catro temas a abordar son os relacionados co financiamento autonómico, a vivenda, inmigración e a sanidade.

No que se refire á sanidade, Rueda remarcou que "urxe" prolongar a idade de xubilación dos médicos ata os 72 anos e "axilizar xa" a homologación de títulos estranxeiros.

Financiamento, inmigración e vivenda

En relación ao financiamento autonómico o presidente galego pedirá que se financie por custo de servizos e "buscará aliados". "Sei que as comunidades do norte están a pedir o mesmo que nós", asegurou.

En materia de inmigración, pedirá "coordinación" xa que "non poden estar" para "desafogar o problema evidente que ten Canarias". Neste sentido, pide que veñan os que "realmente se van poder regularizar e poidan traballar".

No tocante á vivenda, tras o anuncio de Sánchez de creación dunha axencia para construír vivenda publica, Rueda puntualizou que lle pedirá que "brinde todos os recursos" ás comunidades autónomas para construír vivenda e que "non invada competencias".

Comentarios