Manterán os seus dereitos

A sanidade pública e privada poderá contratar persoal sanitario xubilado

Cabeceira da manifestación polas rúas de Vigo en defensa da Atención Primaria (Foto: Nós Diario).

O Consello de Ministros aprobou na quinta feira que os centros sanitarios públicos e privados poidan contratar profesionais sanitarios xubilados e prexubilados durante o próximo ano para a realización de actividade asistencial relacionada coa Covid-19.

Así o anunciou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, en rolda de prensa tras o Consello de Ministros extraordinario, no que o Executivo aprobou un Real Decreto que recolle, ademais da obrigatoriedade do uso de máscaras en exteriores, unha serie de medidas para paliar a sobrecarga asistencial.

"Son medidas moi importantes de reforzo de recursos humanos para contribuír e axudar ás comunidades autónomas, e especialmente aos profesionais sanitarios na súa tarefa diaria", resaltou a ministra.

En primeiro lugar, o Executivo estabeleceu a posibilidade de que os centros sanitarios contraten persoal sanitario xubilado e prexubilado até o 31 de decembro de 2022 ante o déficit de profesionais.

En calquera caso, a pesar de ser contratados, seguirán mantendo os seus dereitos e prestacións como pensionistas.

Da mesma forma, Darias informou de que tamén se habilitou a contratación de profesionais con título de especialista obtido en Estados non membros da Unión Europea.

Estas medidas acordáronse onte na Conferencia de Presidentes e foron apoiadas pola "práctica unanimidade" das comunidades autónomas, segundo defendeu Darias, quen insistiu en que "veñen incrementar e a sumar novos recursos profesionais".

A Atención Primaria, colapsada

A ministra xustificou a aprobación destas medidas debido a que a variante Ómicron está a producir sobrecarga asistencial na Atención Primaria, actualmente colapsada na Galiza após anos de desmantelamento.

Unha situación chamada a empeorar atendendo ás cifras dos orzamentos galegos para 2022. De feito, a Atención Primaria recibirá 1.389 millóns de euros, unha cifra máis baixa que nas contas de 2021. O argumento do conselleiro de Facenda era que non se prevían "vacinódromos", cando, ás poucas semanas das declaracións de Miguel Corgos, os centros de vacinación masiva voltaban a abrir para a inxección da terceira dose.