Sanidade notificou 280 falecementos de pacientes da Covid-19 en novembro, a segunda peor cifra desde marzo

Un equipo das Urxencias Sanitarias da Galiza traslada en ambulancia unha persoa infectada polo novo coronavirus (Foto: M. Dylan / Europa Press).
En tanto, indicadores como os novos casos, o total de activos ou mesmo os pacientes ingresados en UCI ou en planta ordinaria seguen a descender no conxunto da Galiza.

O verán rematou acompañado dun aumento da incidencia da Covid-19. Debido ao empeoramento da situación en outubro a Xunta da Galiza aplicou medidas cada vez máis restritivas. O día 20 limitou as reunións a cinco persoas en toda Galiza. Dez xornadas despois aplicouse o confinamento perimetral a un total de 60 concellos, urbes galegas incluídas, nos que se prohibiu a consumición nos locais hostaleiros.

Lentamente, os indicadores epidemiolóxicos comezaron a recoller a incidencia destas restricións que a Consellaría de Sanidade estendeu até o 4 de decembro. O municipio do Carballiño, no que no seu momento se aplicaron as directrices máis estritas do país, foi desconfinado e a restauración reactivouse a 50% da súa capacidade nos locais.

Así, Galiza rexistraba entre o domingo ás 18 horas e a segunda feira á mesma hora un total de 239 casos novos de coronavirus detectados por proba PCR, un menos que os localizados entre o sábado e o domingo. Trátase dos valores máis baixos desde mediados de outubro. As áreas sanitarias de Vigo e de Pontevedra son as máis afectadas ao notificar 69 e 49 positivos respectivamente.

En tanto, a de Lugo notificou 38 novos positivos; a de Compostela 25; a de Ferrol 12 e mais a de Ourense, coa incidencia máis baixa, 10. Cunhas 1.000 PCR menos respecto a anterior xornada, o número de casos activos fica en 7.646 e a taxa de positividade galega en 5,2%. 

Presión hospitalaria

Nos hospitais, a curva descendente da pandemia chega con maior lentitude. En outubro as Unidades de Coidados Intensivos arrancaron con 33 persoas ingresadas, mentres que os doentes hospitalizados en planta ordinaria eran 203. Na última xornada do mes as UCI atendían 69 pacientes e había case o dobre de persoas en planta.

En novembro as unidades de críticos chegaron a atender a máis de 100 pacientes en até 8 xornadas, mentres os hospitais sumaron nalgunha máis de 500 doentes ingresados. Con todo, as cifras melloraron situándose en 78 persoas en UCI e 406 en planta o 30 de novembro. 

Falecementos

Porén, se a evolución favorábel da maior parte das áreas e dos indicadores pode convidar ao optimismo, indicadores como o número de falecementos de persoas contaxiadas chaman á prudencia. En novembro, a Consellería de Sanidade notificou 280 falecementos; en outubro informou de 167.

Desde o inicio da pandemia finaron 1.211 persoas no país. Na primeira vaga perderon a súa vida 619 persoas, mentres que desde o comezo da denominada nova normalidade a Xunta notificou 594 pasamentos. Desde marzo, novembro sitúase como o segundo peor mes en canto a mortes, superado polo de abril.

Segundo recolle o portal de datos da Covid do Sergas, 2,8% das persoas que faleceron desde marzo tiñan entre 50 e 59 anos; 6% entre 60 e 69; 17,8% entre 70 e 70 anos; 45,8% entre 80 e 89 anos e 27,3% máis de 90 anos. 

Residencias

Entre outubro e novembro, Sanidade notificou tamén a morte de 185 usuarias e usuarios das residencias da terceira idade. Neses dous meses a Xunta da Galiza interveu catro destes centros nos que se detectaron importantes surtos da Covid-19. O 9 de outubro tomou o mando de Os Gozos, xestionada pola Fundación San Rosendo en Pereiro de Aguiar,  tras localizar 112 contaxios entre residentes e 25 no persoal.

O 27 de outubro a Xunta interveu a residencia xeriátrica Salvaterra, no municipio homónimo, a raíz dun gromo con 84 positivos entre os usuarios e usuarias e 26 entre profesionais. Unha xornada despois notificou a tutela de DomusVi Ribadumia, 20 casos entre residentes e 5 en traballadores. A máis recente foi a intervención de Asilo de Vilalba, que rexistraba o 19 de novembro 114 positivos de usuarios e usuarias e 18 no cadro de persoal.

Segundo as últimas cifras divulgadas onte por Sanidade, o número total de casos entre residentes diminúe aos 411, mentres que no persoal descende a 199. Unha das residencias tuteladas pola Xunta sufre o maior gromo na actualidade, a Residencia Asilo Vilalba con 116 positivos entre usuarios e usuarias. Séguea a de ila do Conde de Gondomar, con 110.