Os coidados críticos da Covid-19 a pé de cama

Persoal sanitario atende un paciente con Covid-19 nunha unidade de críticos (Eduardo Sanz / Europa Press).
A ocupación das unidades de coidados críticos é un dos indicadores básicos para avaliar a evolución da pandemia e a presión hospitalaria. Acollen pacientes graves e inestábeis durante estadas longas.

Galiza sumou nas últimas 24 horas un novo ingreso en unidades de coidados intensivos. Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade na web habilitada polo Sergas para informar do coronavirus, en todo o territorio hai 93 pacientes con Covid-19 hospitalizados en áreas de críticos. Deles 33 pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee, 23 á de Vigo, nove á de Ferrol, oito á de Santiago e A Barbanza, sete á de Pontevedra e O Salnés, outros sete á área de Ourense, Verín e Valdeorras, e seis, á de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Non todos contan

Na segunda vaga da pandemia, Galiza alcanzou o seu máximo de doentes críticos o 16 de novembro, con 110 persoas con Covid-19 ingresadas tanto nas denominadas UCI, Unidades de Coidados Intensivos, como de Reanimación e coidados críticos de Adultos (REA), os dous servizos que se ocupan dos pacientes contaxiados de coronavirus, cuxa gravidade precisa de dunha atención específica e especializada.

Estamos afeitas a traballar con pacientes críticos que precisan distintos tipos de illamento e coidados. O que non estamos é preparadas para traballar nestas condicións

Con todo, a ocupación destas unidades é máis lata do que reflicten as cifras oficiais, advirte o persoal sanitario que traballa nestes servizos. "Os pacientes que obteñen unha segunda PCR negativa non os contan. Moitos días as cifras que ofrecen non cadran coas persoas que seguen ocupando unha cama nas nosas unidades, que para nos seguen a ser pacientes Covid", explica a Nós Diario Verónica Doce, enfermeira da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

"Que deixen de dar positivo por coronavius non significa que deixen de requirir coidados específicos. Moitos permanecen sedados, intubados e inestábeis baixo a nosa vixilancia durante moito máis tempo".

Folga indefinida

O persoal da UCI de adultos do Clínico está en folga indefinida desde o pasado día 16. Reclaman melloras na unidade que repercutan directamente tanto nas propias condicións de traballo como na calidade asistencial dos doentes. "Cando nesta segunda onda decidiron abrir a UCI Covid, desde a Dirección de Enfermaría aseguraron dispoñer de persoal contratado para atender os pacientes que fosen chegando. Máis cos primeiros casos xa se viron na obriga de mobilizar compañeiras da UCI limpa para poder atendelos, e a partir de aí, doutros servizos", sinala Verónica Doce. 

O persoal láiase da falta de planificación e de "humanización" do contorno. Enfermeiras, auxiliares e intensivistas traballan nun espazo aberto, sen apenas distancia entre as camas e sen ningunha intimidade para os doentes. "Desta segunda volta volvemos acusar falta de material e de medicación, e de novo, unha falta total de previsión, porque o persoal contratado que foi chegando viña sen ningunha experiencia nin formación", tanto en coidados críticos como no manexo dos equipos de protección individual. 

Especialización 

A Covid puxo en evidencia unha carencia de persoal e de organización que viña de atrás e que acabou expoñendo aínda máis as profesionais sanitarias. 

"Estamos afeitas a traballar con pacientes críticos que precisan distintos tipos de illamento e coidados. O que non estamos é preparadas para traballar nestas condicións que nos impoñen", afirma desde o Hospital Universitario de Ourense Nieves García, enfermeira na Unidade de Reanimación desde hai máis dunha década. "O noso maior problema é a falta de organización por parte dos responsábeis e a dotación insuficiente de persoal, con presións para dobrar quenda e renunciar a descansos que nos corresponden", engade en declaracións a este xornal.

"Non se ten en conta a visión das profesionais que estamos a pé de cama de cara á planificación do traballo, a adecuación das infraestruturas e a xestión dos recursos. A directora de Enfermaría é a única representación do colectivo profesional no comité da pandemia, o resto son facultativos dos distintos servizos, que teñen coñecemento da clínica e dos tratamentos, pero non dos coidados de enfermaría que requiren os pacientes para cubrir as súas necesidades básicas dentro do contexto dos coidados críticos que precisan", recalca Nieves García. 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]