Sanidade imporá a restrición de mobilidade malia o rexeitamento da Galiza

O ministro Salvador Illa hoxe. (Foto: Moncloa)
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, desoe as críticas de varias autonomías e seguirá adiante coa medida para limitar os movementos cando haxa 500 casos activos de coronavirus en municipios de máis de 100.000 habitantes. A orde estará lista nuns días.

A negativa da Galiza, Madrid, Catalunya, Andalucía e Ceuta non fara que o Goberno do estado español poña o freo na súa proposta de restrinxir a movilidade naqueles concellos de máis de 100.000 habitantes nos que se rexistren máis de medio milleiro de positivos pola Covid-19.

Despois da reunión de traballo no seo do Consello Interterritorial de Saúde, o ministro Salvador Illa avanzou que este criterio convertirase nunha orde en cuestión de días porque foi apoiado por unha "ampla maioría".

O documento pasará por unha fase de redacción tecnica antes de publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Malia recoñecer que non houbo un consenso absoluto respecto dos parámetros contemplados polo ministerio, Illa defendeu que a decisión é "colexiada" porque houbo esa maioría de votos a favor.

Por exemplo a imposición, rexeitada por Galiza por considerar que atende a cuestións insuficientes, suporá unha sorte de confinamento imposto a dez municipios da comunidade de Madrid, entre eles a capital.

Desde o punto de vista do representante do Executivo de Pedro Sánchez, precisamente por isto "ninguén entende" que Madrid fora en contra.

"A saúde de Madrid é a saúde de España. Levamos moitos días para conseguir un consenso, para axudar, para estar ao lado de todas as comunidades autónomas e, en concreto, de todos os madrileños con recursos tecnolóxicos, humanos, económicos e legais", defendeu. Así,agarda que ningún territorio incumpla.