Galiza rexeita as restricións pola pandemia que propón Sanidade

Un instante da reunión desta cuarta feira, celebrada por vía telemática. (Foto: Moncloa)
Após que a Comunidade de Madrid acordase onte limitacións para todo o Estado español na reunión do Grupo Covid-19 e a súa presidenta dera marcha atrás esta cuarta feira, varios territorios néganse a acatar as recomendacións do Goberno de Pedro Sánchez. A Xunta critica que non se atenda a outros parámetros como a vulnerabilidade ou a presión nas urxencias.

Galiza non acepta a proposta do ministro de Sanidade, Salvador Illa, de estabelecer unha estratexia de restricións homoxénea para loitar contra a pandemia. A medida que está detrás do rexeitamento das autoridades sanitarias galegas é a de limitar a mobilidade naqueles municipios de máis de 100.000 habitantes cando haxa 500 casos de coronavirus detectados.

Esta negativa vén de producirse no marco do Consello Interterritoriall de Sanidade convocado hoxe para acordar actuacións comúns de protección contra a Covid-19.

A decisión fora acordada onte bilateralmente coa Comunidade de Madrid, malia que xa se anunciaba que a aplicación sería común.

No entanto, mesmo a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, rexeitou hoxe o que esta terza feira lle parecía ben.

No borrador co que acudiu Illa á reunión fálase da limitación de entradas e saídas neses concellos de máis de 100.000 habitantes. Ao respecto, destácase que deben ter unha porcentaxe de positividad ao virus nos resultados das probas diagnósticas realizadasnas dúas semanas previas superior ao 10%.

Ademais, cada autonomía debería ter unha ocupación de camas nas UCIs superior ao 35%. Madrid pediulle uns parámetros "obxectivos e claros" para todos.

Neste sentido, o responsábel da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o proxecto do Executivo do estado español obvia moitos outros parámetros cos que están a traballar as e os expertos do comité clínico galego.

Ademais dos ratios de contaxio na veciñanza, o grupo consultivo do país estuda a vulnerabilidade, a porcentaxe de positivos sobre a xente en corentena, a presión hospitalaria ou a situación das urxencias das áreas sanitarias.

O representante da Xunta tamén avisou de que, de seguir a pauta marcada polo ministerio, non se daría continuidade ao traballo feito até agora na nazón.

Máis negativas

Xunto con Galiza e Madrid,tamén descartaron seguir esa recomendación Catalunya, Andalucía e Ceuta.

Pola súa banda, a representación do País Vasco no encontro de traballo sostivo que "as medidas deben seguir tomándose de maneira localizada, tal e como se fai desde xullo con "bos resultados".

Trascendeu, tamén, que a rexión de Murcia mantivo unha posición neutra na votación da proposta. O documento que inclúe este criterio será trasladado á Ponencia de Alertas de Saúde Pública para traballalo desde o punto de vista técnico.

Outras das ideas que pasarán por esta fase son a prohibición de reunirse con máis de seis persoas, tanto na rúa como en propiedades privadas; fechar os partes infantís; reducir capacidades e horarios e imposibilitar a atención na barra dos negocios de hostalaría.