Sanidade gasta en capeláns para os hospitais 738.500 euros

Candeas nunha igrexa (Imaxe: Nós Diario)

A Xunta da Galiza destinou máis de 2,5 millóns, nos tres últimos exercicios contábeis, a sufragar os gastos da contratación de capeláns de hospital na sanidade galega. Unha partida que medra cada ano, até chegar nos orzamentos de 2022 a 738.534 euros.

Nun contexto de colapso e listas de agarda nos centros de saúde galegos, así como de recorte nos orzamentos destinados á Atención Primaria, o Goberno galego segue a incrementar a partida destinada a pagar aos capeláns dos hospitais, que ascende a 738.534 euros para 53 relixiosos.

Do capelán de Ferrol aos 9 de Vigo

Os datos do proxecto de orzamentos aos que tivo acceso Nós Diario poñen de manifesto que o gasto de 738.534 euros para destinar ás retribucións do persoal relixioso -capeláns de hospital- distribúese da seguinte maneira: para a área sanitaria da Coruña-Cee, na que hai sete capeláns a Consellaría de Sanidade destina 100.804 euros, a mesma cantidade que na de Lugo-A Mariña-Monforte, e na de Ourense, Verín e O Barco, con nove capeláns, gasta 133.708 euros.

Para Pontevedra-O Salnés, con oito capeláns, a Xunta da Galiza destina 108.558 euros; 124.066 para a área de Vigo, con nove capeláns, a mesma cantidade que para a área de Santiago-O Barbanza. Ferrol, con catro capeláns, é a área á que menos diñeiro se destina: 46.525 euros.

Unha iniciativa de Romai Beccaría

A partida ten a súa orixe nun convenio asinado pola Consellaría de Sanidade en 1995 coas dioceses galegas. En virtude do citado convenio impulsado por José Manuel Romai Beccaría, o Sergas paga os salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia nos hospitais públicos e concertados da Galiza.

A contratación de persoal relixioso para hospitais ten a ver co número de camas, de maneira que a menos de 100 camas corresponde un capelán a media xornada. De 101 a 250 camas corresponde un a tempo completo e outro a media xornada. De 251 a 500 camas, dous capeláns a tempo completo e un a media xornada. De 501 a 800 camas, tres capeláns a tempo completo e alén das 800 camas, entre tres e cinco capeláns.

Non son persoal laboral

O pasado 26 de maio, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ditaba unha sentenza na que os maxistrados advertían de que a "actividade pastoral" que realizan os sacerdotes é "allea totalmente ao Sergas".

Na resolución, o alto tribunal galego pon de manifesto que a actividade dos relixiosos nos hospitais "nin coincide coa propia do Sergas -a aconfesionalidade do Estado así o impide- nin o Sergas pode impartir ordes e directrices na súa execución, algo que só cumpre o bispo, que é, ademais, o que designa e cesa os capeláns".

Desta maneira, o TSXG non considera os relixiosos persoal laboral do Sergas. O alto tribunal galego pronúnciase na sentenza da mesma maneira que o maxistrado do Xulgado do Social número 1 de Ourense, que rexeitara que a relación que manteñen catro capeláns que prestan os seus servizos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) fose de natureza laboral, tal e como demandaban os sacerdotes.