INICIATIVA PARLAMENTAR PARA POñER FIN A ESTE GASTO

O Sergas gasta 638.000 euros anuais en pagar aos cregos dos hospitais

AGE pide a fin destas partidas e critica que se gasten cartos nestas cuestións “mentres se recorta no esencial” na sanidade pública.

Unha moción de AGE no Parlamento galego solicitaba que os cregos ecapeláns dos centros hospitalarios deixarán de percibir un salario a conta das arcas públicas “tal e como está a acontecer na actualidade” e que supón 638.000 euros anuais. A deputada Eva Solla lamentou que ao PP non lle importe gastar 638.000 euros anuais “en pagarlle o soldo aos curas católicos que ofrecen os seus servizos nos centros hospitalarios públicos, mentres se recorta diariamente as partidas destinadas a garantir a sanidade pública no noso país”.

A parlamentar de AGE defendeu na súa intervención a necesidade de eliminar os privilexios de calquera tipo de relixión na Sanidade Pública. Lembrou que a Constitución Española garante a “aconfesionalidade relixiosa do Estado”. Sufragar con orzamento público a presenza de capeláns católicos nos centros sanitarios galegos, é “algo totalmente fora de lugar cando os recortes da Consellería de Sanidade estanse a cebar co persoal sanitario e a calidade asistencial estase vendo xa afectada pola redución orzamentaria e a continua derivación de fondos cara á sanidade privada”.

Desvelado no Sermos nº 32

No Sermos Galiza nº32  (febreiro de 2013) B. Vázquez desvelaba o desembolso de por volta de 800 mil euros anuais que a Consellaría de Sanidade facía para pagar as nóminas dos 53 capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados do País. Unha información que chegou a ser recollida daquela por medios estatais.