Alerta sanitaria pola varíola do mono: o Goberno estatal estuda a compra de vacinas

O Ministerio avoga pola compra preventiva de miles de fármacos. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
Os fármacos serían os que se administran para a varíola común e só se inocularían, polo de agora, aos contactos estreitos de positivos.

O Ministerio de Sanidade anunciou esta quinta feira que está a valorar e analizar distintas opcións terapéuticas para tratar a varíola do mono, tales como antivirais e vacinas, en función da súa viabilidade e efectividade.

Sanidade lembra que, ate a data, enviáronse 25 mostras de casos sospeitosos ao Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto de Saúde Carlos III para a súa análise, e a Comunidade de Madrid confirmou xa sete. Actualmente, todos os casos sospeitosos que se están analizando presentan un cadro leve.

A alerta sanitaria principiou esta cuarta feira no Reino Unido, con catro casos confirmados. Este mesmo día Portugal comunica cinco casos confirmados e uns 20 sospeitosos.

Alerta sanitaria

"De acordo cos procedementos do sistema de alerta precoz e resposta rápida, abriuse unha alerta a nivel nacional, comunicouse ao Relatorio de Alertas a situación e avisouse a todos os actores chave para garantir unha resposta rápida, oportuna e coordinada", afirman desde Sanidade.

Como sería a vacina contra a varíola do mono?

Actualmente a Axencia Europea do Medicamento non ten ningunha vacina específica autorizada contra a varíola do mono. Porén, o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC, en inglés) instou esta quinta feira os países da UE a administrar o fármaco tradicional contra a varíola.

"Se hai vacinas contra a varíola dispoñíbeis no país, a vacinación de contactos estreitos de alto risco debería ser considerada despois dun estudo de beneficio de riscos", sostivo o ente comunitario, nun comunicado.

Esa vacina tradicional é a que agarda administrar Sanidade, mais non ao conxunto da poboación como no caso da Covid-19, senón, polo de agora, só aos contactos estreitos dos positivos, como recomenda Bruxelas. O Ministerio prepara a compra de miles de fármacos.