Sanidade duplica o tempo de espera de doentes de cancro en fase máis grave

43.194 pacientes galegos agardaban a 31 de decembro de 2021 por unha operación cirúrxica.(Foto:Europa Press).

A situación das listas de agarda chegou onte ao Parlamento da Galiza. Mentres as persoas usuarias da sanidade pública sitúan como primeiro problema o tempo de espera para conseguir unha cita médica, o Goberno galego insiste en defender políticas que teñen provocado atrasos na atención de máis de dous anos.

Malia que os responsábeis da Consellaría de Sanidade negan os atrasos que superan o tempo de agarda legalmente establecido, as asociacións en defensa da sanidade pública así como usuarias e usuarios da mesma veñen denunciando longas esperas no Sergas.

596 días en lista de espera

Os temos de agarda foron exemplificados onte no Parlamento . A deputada do BNG Iria Carreira lembrou na comisión de Sanidade aos responsábeis do Sergas que "un doente da área sanitaria de Santiago e Barbanza tivo que agardar dous anos, dous meses e 23 días para unha intervención cirúrxica de uroloxía". "Se miramos os datos oficiais da Xunta para área sanitaria de Santiago e Barbanza, no servizo de Uroloxía non había ningún paciente con máis de 12 meses de permanencia na lista de espera. O paciente que mencionei anteriormente levaba xa 596 días", aseverou Carreira.

O exemplo sinalado pola deputada é un síntoma do funcionamento das listas de agarda. Neste sentido, significou que "nalgunhas especialidades hospitalarias da área sanitaria de Ourense non se lle dá cita aos pacientes para unha consulta hospitalaria até 2023". Ao tempo, denunciou que "a día de hoxe hai pacientes oncolóxicas en estadío IV [o máis grave] que requiren dunha Tomografía Axial Computerizada (TAC) trimestral, por exemplo, e que se lle está a realizar cada 6 meses".

A Xunta minimiza o problema das agardas

Pola súa parte, o director xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta da Galiza, Jorge Aboal, puxo en valor a xestión desenvolvida polo Goberno galego nesta materia. Malia recoñecer que a finais  de decembro de 2021 eran 43.194 pacientes os que estaban agardando por unha intervención cirúrxica -3.455 dos cales agardan máis de seis meses- e que o seu tempo de espera incrementouse en 22,5 días desde 2019, manifestouse satisfeito co funcionamento das listas de espera. 

A situación das persoas incorporadas ás listas de agarda non estruturais, aquelas que non teñen soporte legal, planeou sobre todo o debate parlamentario. "Hai dous tipos de listas, as estruturais, as que son bonitas, as que van cumprindo medianamente os prazos, e as non estruturais. Esas listas son as que non se publican e nas que reina a anarquía. Nestas listas de espera non estruturais entran todos aqueles pacientes que rexeitan a derivación á privada, por exemplo. E unha vez que entran nesa lista, os tempos desaparecen. Desaparece a obriga de prestación sanitaria nun prazo máximo", sentenciou Carreira

Aboal significou que as listas de espera non estrutural "non poden ser eliminadas" e negouse a facer público o número de persoas que fan parte das mesmas. A este respecto, afirmou que "as listas de agarda estruturais son as que reflicten a xestión de doentes", carecendo as outras de importancia.

Valedora do Pobo

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, tense manifestado de xeito moi crítico no seu informe de 2020 a respecto da "particular situación daqueles doentes que, estando na lista de agarda estrutural para ser intervidos dunha patoloxía, xeralmente con prioridade tres, rexeitaban a oferta dun centro concertado. Como xa comentabamos no anterior informe, estes doentes -ao rexeitar o centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como 'lista de espera non estrutural' na que non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización da devandita cirurxía".

A recomendación efectuada por Galiño ao Goberno galego segue sen cumprirse. A mesma estabelece que "para estes doentes que rexeitan a oferta do centro concertado, debe garantirse igualmente un prazo máximo de tempo, de xeito que se garanta a súa atención sanitaria nun período definido, dando así cumprimento ao mandato do lexislador estatal establecido no artigo 4 da Lei 16/2003, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde ao referirse aos dereitos da cidadanía no conxunto do Sistema incluíndo entre eles o dereito a recibir unha asistencia sanitaria na súa comunidade autónoma de residencia nun tempo máximo".

As derivacións á privada

A Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias de 2013 consolidou a derivación de pacientes á sanidade privada xa prevista na lexislación sanitaria. Segundo sinalou onte na Cámara galega, Jorge Aboal, nos últimos cinco anos deriváronse á privada máis de 117.000 cirurxiás e de 300.000 probas diagnósticas