Sanidade disuade as usuarias de acudir á Atención Primaria

Cribado do Sergas en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Xunta recorta vacacións ás sanitarias pola pandemia

A presión asistencial provocada pola quinta vaga do coronavirus déixase notar nos centros de saúde de toda a Galiza. Nesta liña, explícase o comunicado emitido pola Consellaría de Sanidade no día de hoxe, onde sinala que “as persoas identificadas como contacto estreito non precisan recorrer aos servizos de Atención Primaria, agás no caso de presentar síntomas”. A esa mesma orientación responde, tamén, a decisión de derivar facultativos dos hospitais aos centros de primaria, nova adiantada na edición desta terza feira por Nós Diario. Nesta dirección, a CIG-Saúde vén de denunciar que “a Xunta está recortando as vacacións do persoal, denéganlles permisos e días de libre disposición e obrígaselles a realizar horas complementarias”.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) exime de “gardar corentena aquelas persoas que, malia seren consideradas contacto estreito, estean vacinadas con pauta completa na data do último contacto coa persoa contaxiada; así como aquelas persoas asintomáticas que pasaran a enfermidade -confirmada mediante proba diagnóstica- nos seis meses previos á última xuntanza co caso positivo”. Así e todo, as autoridades sanitarias fixan “tres excepcións que si obrigarían estes contactos estreitos a gardar corentena. Nomeadamente, no caso de tratarse de persoas inmunodeprimidas, se existe a sospeita de que o contaxio se debe a unha variante especial do virus -Beta e Gamma-, ou ben, se o contaxio procede dun visón”.

A condición de contacto estreito por coronavirus e a obriga de gardar corentena corresponde decidila aos responsábeis sanitarios. A este respecto, os protocolos do Sergas determinan que “as probas PCR serán solicitadas por Saúde Pública dun xeito automático a 5 e a 10 días do último contacto coa persoa contaxiada. Así, o resultado destas probas diagnósticas será comunicado por SMS.

Neste sentido, se a proba realizada no décimo día obtén un resultado negativo, remataría a corentena”. Asemade, os contactos estreitos exentos de gardar corentena deben “evitar lugares e eventos concorridos, o contacto coas persoas máis vulnerábeis á enfermidade, estar localizábeis, realizar as probas PCR que lles indique Saúde Pública, manter a distancia de seguridade e usar sempre a máscara”.

Críticas á xestión da Xunta

A xestión da Xunta da Galiza é valorada moi criticamente pola sección de Saúde da Confederación Intersindical Galega. Neste sentido, a central sindical considera “que a Xunta pretende enganar e encubrir a desfeita” na Atención Primaria, repetindo como un mantra que “o actual pico de contaxios non tensiona a sanidade”.

Isto, a ollos da CIG, constitúe “unha burla tanto para o persoal ao que se lle denega o goce das vacacións e dos permisos e ao que se lle obriga a prolongar a súa xornada laboral como para as doentes ás que se lles limita o dereito a recibir unha atención próxima, rápida e nas mellores condicións asistenciais”.

A CIG-Saúde denuncia que “todas a xerencias están emitindo instrucións para recortar vacacións, permisos e días de libre disposición e solicitan, tanto na Atención Primaria como no dispositivo de vacinación, que se fagan horas complementarias”. Ao tempo, destaca que “a pandemia evidenciou o déficit estrutural de persoal que ten o sistema sanitario galego, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria, así como a elevada precariedade laboral que se dá neste servizo público”.