A explosión da Covid satura a Primaria e o Sergas chama a especialistas hospitalarios a reforzar a atención telefónica

Un home sométese a un test de antíxenos no recinto feiral de Vigo a primeiros de ano. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
A explosión de novos casos de coronavirus coincidindo co inicio do verán volve poñer a proba a resposta e coordinación da Central de Seguimento de Contactos e a Atención Primaria, desbordada pola demanda derivada da Covid. Por primeira vez, Sanidade chama a especialistas hospitalarios a reforzar a atención telefónica. 

"Dada a situación actual, na que a incidencia da Covid se incrementou notabelmente, solicítase a colaboración de facultativos/as voluntarios/as para facer consulta telefónica e informar as persoas que resulten positivas" por coronavirus. O chamamento parte da Xerencia da área sanitaria de Vigo e vai dirixido ao colectivo profesional de médicos especialistas e de urxencias que traballan nos distintos centros hospitalarios da zona. Segundo confirmou Nós Diario, a circular emitiuse a pasada sexta feira para poder contar de maneira inmediata con persoal de reforzo para asumir a crecente demanda xerada polos contaxios detectados nas últimas semanas en centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC).

"Esta fin de semana foi caótica", recoñece persoal médico do PAC de Vigo que durante a fin de semana deu cobertura a doentes de toda a cidade. "Foi moi intensa e desorganizada. Con pacientes que non tiñan nada que ver coa pandemia, pacientes Covid que viñan presenciais, pacientes que reclamaban atención telefónica, pacientes que nos cita a Central de Seguimento de Contactos para lles solicitar PCR mais todos os doentes cunha PCR positiva aos que había que chamar para comunicarlles o resultado. Todo mesturado. A situación é tan caótica que se multiplica a demanda e malia contarmos con reforzos, foi difícil organizalo e atender a todo", declara a Nós Diario.

Foi unha fin de semana "fóra do normal", que non lembran de vagas anteriores. "O volume de consultas superou todas as marcas e, ademais, a xente xa non se comporta igual. Pacientes aos que lles indicaron illamento por ser contacto directo preséntase no PAC, a ver se lles facemos un test de antíxenos, dá negativo e poden saír del". Unha conduta incorrecta e errada, recalcan, que antes era impensábel e que agora "xera  un conflito que toca que resolver no momento, cos espazos previstos para pacientes Covid e non Covid ao límite pola alta demanda".

Máis aló do seguimento

Para a CIG-Saúde, a experiencia do persoal sanitario do PAC de Vigo esta fin de semana pon de manifesto que "a Atención Primaria non está á marxe desta repunta da pandemia, como  indicou o Conselleiro de Sanidade", destaca Manuel González Moreira. "Ou descoñece ou minte sobre o que está a pasar. Hai moitas consultas sobre a Covid na Primaria, moitos resultados positivos que comunicar e moitos contactos derivados de cada caso que a Central de Seguimento de Contactos (CSC) non é capaz de absorber" e que chegan aos centros de saúde e aos PAC para urxir unha solución.

Malia que a teoría estabelece que é a CSC a que  fai a investigación dos contactos, pide as probas e as comunica, a realidade, indica Moreira, é que a xente acaba chamando ao seu médico para saír de dúbidas canto antes, co agravante de que "o número de contactos por cada caso diagnosticado é tan alto que se identifican moitas máis persoas. O proceso é moito máis complexo". Xéranse atrasos no rastrexo, nas citacións e na comunicación de positivos "pero tamén nas consultas ordinarias, porque os ocos están cheos de  consultas relacionadas coa Covid", afirma.

Primeiros reforzos 

Coa Atención Primaria desbordada pola pandemia, a Xerencia de Vigo foi a primeira en reclamar a colaboración voluntaria de especialistas médicos hospitalarios para "facer consulta telefónica na quenda de tarde pola semana e na quenda de mañá ou tarde nas fins de semana", co fin de informar as persoas que obteñen unha PCR positiva a partir dun "texto coa información a trasladar" que a propia Xerencia lle facilitará aos profesionais que acepten.
Este domingo estreáronse os primeiros voluntarios no PAC de Vigo.

"E malia contar con eles foi imposíbel chegar a todo", asegura o persoal médico do centro. "Dunha banda tiñamos un listado con todos os positivos aos que había que comunicar o seu resultado ademais de consultar a súa sintomatoloxía, e doutra, un listado con todas as solicitudes de PCR pendentes, xa que a CSC só pide as probas dos contactos asintomáticos. Se algún presenta síntomas, pasa directamente ao noso circuíto e somos nós os que nos encargamos", confirman desde o PAC de Vigo, "ao igual que nos ocupamos de todos os que chegan con sintomatoloxía sen ser contacto de ninguén. E isto que facemos nós sábados e domingos fano durante a semana desde os centros de saúde".

Só o sábado tiñan 170 pacientes positivos da cidade de Vigo aos que chamar. "Quedaron 90 para o domingo, dos que se ocupou o primeiro reforzo. Pola tarde tiñamos 117 máis, e quedaron uns 20 por chamar. Informamos á Dirección, a quen lle trasladamos outro inconveniente que urxe resolver: os especialistas do hospital non teñen acceso á parte de Primeira da historia clínica dos doentes, polo que malia comunicar os positivos, non puideron deixar constancia para o seu seguimento" explican.

A Covid-19 volve recaer na Primaria 

"Non damos abasto. Estamos como ao principio da pandemia, citando a pacientes coa proba solicitada hai tres días". A experiencia do persoal médico de Primaria explica que por primeira vez o Sergas  acuda ao persoal médico de hospital para reforzar centros de saúde e PAC. "É a mostra dunha Atención Primaria desmantelada e da incapacidade da Administración para dispoñer dos recursos necesarios para  afrontar a Covid", censuran desde SOS Sanidade Pública.