“O Sergas traslada a tensión polo aumento dos contaxios ao persoal sanitario”

Imaxe de arquivo dun cribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)

CIG-Saúde critica que Sanidade está a prolongar xornadas e recortar “o dereito ao descanso” do persoal.

A CIG-Saúde denuncia que se están recortando as vacacións do persoal, ao que tamén se lle denegan permisos e días de libre disposición e se lles obriga a realizar hora complementarias, “afondando así no esgotamento físico e mental que acumula este colectivo laboral que xa non aguanta máis".

Medidas que se adoptan no marco da quinta vaga por parte do Sergas e que para o sindicato responden a unha política “tremendamente preocupante” na que se “minimiza”, “a saturación do sistema”. E faino, indica a central, cando todas as xerencias “están emitindo instrucións para recortar vacacións, permisos e días de libre disposición e solicitando, tanto na Atención Primaria como no dispositivo de vacinación, que se fagan horas complementarias (que se pagan por debaixo do valor da hora extraordinaria e en moitas áreas nin sequera queren abonar o módulo de día festivo e de nocturnidade)”.

"Suprimir o dereito a descansar e a conciliar do persoal sanitario non indica para a Xunta que a sanidade pública estea tensionada. Será porque quen carga de verdade con esa tensión son os traballadores e as traballadoras que despois de máis dun ano de sobreesforzo e de entrega diaria para garantir a calidade asistencial, vén como se lle seguen recortando e denegando dereitos laborais", asevera María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde.

"Os traballadores e as traballadoras ven como despois de máis dun ano de sobreesforzo e de entrega diaria para garantir a calidade asistencial, se lle seguen recortando e denegando dereitos laborais", di Abuín

Lembra que a primeira medida que adoptou Feixoo tras chegar á presidencia foi suspender os acordos retributivos e conxelar os salarios dos traballadores e traballadoras da sanidade nos exercicios 2010, 2011 e 2012.

A pandemia da Covid-19 evidenciou o déficit estrutural de persoal que ten o sistema sanitario galego, indica a CIG, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria, así como “a elevada precariedade laboral que se dá neste servizo público”.

A consecuencia desta política laboral, apunta,  hai unha “fuxida das e os profesionais a outras comunidades e estados ou cara ao sector privado na procura de mellores condicións laborais e dunha estabilidade no emprego que o Sergas non ofrece”.

“A falta de traballadores e traballadoras, que afecta a practicamente todas as categorías, xunto co baleirado das listas de contratación pola fuga dos e das profesionais, leva o Sergas a suprimir dereitos básicos do persoal, como o dereito ao descanso ou a poder conciliar, para poder afrontar a atención ordinaria e a extraordinaria, incrementada este último ano e medio pola pandemia do SARS-CoV-2”.