Sanidade di agora que analizará as verbas do xefe de Alergoloxía do CHUO por se corresponde abrirlle "expediente"

A Xunta destacara, nun primeiro momento, que non ía investigar ao facultativo porque as declaracións que fixo sobre a vacinación entraban dentro da súa "liberdade de expresión".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou hoxe que o seu departamento analiza se corresponde abrir un "expediente informativo" ao xefe do servizo de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Carlos González da Costa, despois de que transcendera un vídeo do médico no que amosa a súa negativa á vacinación por entender que se trata dun "experimento xenético".

Dado o carácter privado do vídeo no que sae o facultativo, que pon en dúbida a validez das vacinas do coronavirus, a Xunta rexeitou nun primeiro momento sobrepasar a liña por entender que as declaracións estaban dentro da "liberdade de expresión" de González da Costa.

No entanto, a medida que a polémica foi crecendo e gañando peso nos medios, a consideración do Executivo galego foi cambiando pois agora se investigan os comentarios "por se puidesen ser constitutivos de abrir un expediente informativo".

Así o recoñeceu hoxe García Comesaña no acto no que daba conta da reunión co comité clínico decorrida na tarde de onte. No documento audiovisual, o responsábell do departamento de Alergoloxía do hospital ourensán identifícase como médico e di estar en contra da "vacinación obrigatoria".

Entende que este medicamento é un "experimento xenético" e pide á xente que se informe a través da plataforma Médicos por la verdad. "Non sabemos a súa seguridade real", engade no vídeo, apuntando a diversas incógnitas aínda sen responder. A este respecto, a primeira postura de Sanidade foi defender que o facultativo falou dentro do seu dereito á "liberdade de expresión".

Malia recoñecer que as declaracións están feitas "no ámbito privado", o conselleiro puntualizou esta cuarta feira que xa se estuda un posíbel expediente porque "preocupan profundamente este tipo de discursos que poden facer dubidar á poboación da conveniencia de vacinarse contra a Covid-19".

"A vacinación é agora mesmo unha das nosas fundamentais ferramentas e calquer indicio de dúbida sobre a importancia desta ferramenta preocúpanos profundamente", indicou en declaracións aos medios. Non só a Xunta estuda medidas contra o doutor, pois tamén o colexio médico de Ourense se pronunciou ao respecto. Igualmente, distintos colectivos saíron na defensa dos fármacos contra o coronavirus e da súa seguridade para ser aplicados á poboación.