Sanidade detecta un incumprimento das normas Covid no 31% das inspeccións

Terrazas na Coruña durante a sesta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Sanidade inspecciou máis de 4.000 estabelecementos, nos que o 31% deles contaban "con deficiencias ou incumprimentos da normativa Covid". A Plataforma na Defensa da Hostalaría acusa a Xunta de someter ao sector a un "estado policial".

Durante a vixencia das máximas restricións para loitar contra a terceira vaga, nas tres primeiras semanas deste mes, a Consellaría de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, realizou un total de 4.107 inspeccións a estabelecementos comerciais, de alimentación e hostalaría, así como tamén a instalacións deportivas.

Nestas inspeccións detectáronse que o 31% dos negocios contaba con deficiencias ou incumprimentos da normativa Covid. No 69% resta, o 38% destes estabelecementos si cumpría coas medidas sanitarias e o 31% estaban pechados debido as restricións implantadas, segundo cifras aportadas pola Xunta nun comunicado.

Dos 4.107 establecementos inspeccionados, 2.313 foron hipermercados, supermecados e tendas de pequeno comercio. O 53% destas cumpría con todas as medias, mais o 37% contaba con algunhas deficiencias, só o 4% eran infraccións de maior importancia.

Alén, os máis de 200 inspectores, visitaron 765 locais de hostalería, 584 instalacións deportivas e 250 centros comerciais e prazas de abastos.

Sobre esta campaña de Saúde Pública, “onde o obxectivo é asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias especialmente o control de capacidade de locais, distancias e uso de máscaras”, a Consellaría indicou que “nas próximas semanas” as inspeccións centraranse nos estabelecementos que estiveron pechados.

 

50 denuncias

Sobre o cumplimento da normativa, a Policía autonómica expuña nun comunicado que durante o primeiro día da desescalada no país, a pasada sexta feira, formularon 50 denuncias por incumprimento das medidas sanitarias na hostalaría.

Sobre este tema, a Plataforma na Defensa da Hostalaría acusou a Xunta de someter ao sector a un “estado policial” e pediu diálogo para revisar as novas medidas que entraron en vigor e “cunha mesa permanente para avaliar as novas decisións a adoptar”.

A plataforma, nun comunicado aos medios, volve esixir un “plan de rescate real acorde a gravísima situación” que está a vivir o sector. “O sector non discute polas estratexias sanitarias para vencer a Covid, pero esixe o cumprimento dun principio básico da economía de mercado: quen impide o exercicio dunha actividade legalmente estabelecida, paga”, sinalan.

Ademais, consideran que a orde no Diario Oficial da Galiza (DOG) da pasada sexta feira é “un documento confuso, alleo á realidade, falto de claridade, diferido e que somete ao sector a un estado policial”.

Segundo a plataforma “contén apartados que vulneran preceptos amparados por normas de rango superior e contraveñen dereitos fundamentais”, polo que están a estudar recorrer esta normativa ante os tribunais oportunos.

Para a organización “o texto afonda na culpabilidade da hostalaría” que, ao seu xuízo, realizan tanto o presidente da Xunta, Alberto Núez Feixoo, como os titulares da Sanidade e Turismo, Julio García Comesaña e Alfonso Rueda, respectivamente.