martes 09/03/21

A hostalaría de Pontevedra fía a reapertura a un recurso ante o Tribunal Superior

O sector confía en que o precedente de Euskadi axude a reabrir as portas de forma cautelar á marxe das disposicións da Xunta. Á marxe de como evolucione a parte xudicial, a Xunta advirte ao sector de que deberá ter sistemas para controlar a capacidade.
Chegada a Madrid dunha marcha de hostaleiras pontevedresas. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
Chegada a Madrid dunha marcha de hostaleiras pontevedresas. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)

Após a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, que deu o visto e prace á hostalaría para reabrir malia a prohibición por parte do Goberno do país, a Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos) vén de seguir idéntica estratexia para paliar os efectos das duras medidas da Xunta.

O colectivo xa presentou un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para intentar que levante o fechamento dos negocios imposto pola Xunta. Malia que xa no seu día acudiran a estas instancias, agora que xa hai un precedente demandar a apertura cautelar dun sector que é dos que máis empregos mantén no país e que está parado desde o 27 de xaneiro.

O presidente de Feprohos, César Ballesteros, explicou que a limitación do Executivo galego é “demasiado lesiva para o sector” e que debería vir con axudas “para cubrir os danos e prexuízos causados”, pero como non é así precisan reabrir.

"As axudas actuais para o sector son unhas migallas; de ningunha maneira cobren os danos nin parte deles, nin sequera o 10% dos impostos que pagamos", destacou en declaracións a Europa Press.

Así mesmo, entende que “non é admisíbel que recaia sobre un sector concreto unha medida suplementaria que impida a supervivencia da actividade hostaleira”. No entanto, a equipa de Alberto Núñez Feixoo seguía vinculando a maioría dos contaxios a estes estabelecementos hai poucos días.

Ballesteros recoñece que “non está libre de contaxios”, pero denuncia que hai outros ámbitos empresariais “con iguais ou maiores datos que non viron lesionados os seus dereitos, por exemplo as oficinas”.

Despois de que as e os compañeiros de Euskadi puideran levantar as persianas de novo, confían en que a Xustiza galega estude a posibilidade de darlles a razón. O colectivo levará, ademais, outras dúas demandas ante o Superior: as limitacións de capacidade e os problemas noutro sector case irmán, o hoteleiro, que non ten a obriga de fechar pero os fechamentos perimetrais derivan nesa circunstancia.

Cambios a curto prazo

Precisamente despois da reunión da Xunta co comité clínico desta mañá, o presidente da Xunta avisou de que, de cara á súa futura reapertura, os locais disporán dun sistema "para transparentar os aforamentos", coa finalidade de que calquera que entre nun bar ou restaurante "saiba seguro o número de persoas que poden estar nel". Polo tanto, o pensamento da Administración vai totalmente en contra das esperanzas da hostalaría.

Ademais, deberán levar un rexistro de entradas que permita coñecer e "cribar completamente" a aqueles clientes "que compartisen estancia cun positivo".

Mentres, as medidas anunciadas hoxe benefician ao comercio. Porén, para as e os comerciantes non vai ser a solución. O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, ve positivo que os negocios recuperen o seu horario normal pero as limitacións de movilidade vai facer que continúe a caída das vendas.

comentarios