Sanidade deixou sen vacinar 40 traballadoras dunha residencia pública de Compostela

Concentración diante da Residencia Volta do Castro de Compostela o pasado 1 de setembro (Nós Diario)

A CIG envía un escrito urxente á Consellaría de Sanidade para que proceda a protexer o persoal da Residencia de Maiores de Volta do Castro, dependente da Consellería de Política Social da Xunta da Galiza, que non estaba no momento de pasar pola instalación cando se realizou a vacinación.

A Residencia de Maiores de Volta do Castro de Compostela, dependente da Consellaría de Política Social da Xunta da Galiza, conta na actualidade con 40 traballadoras e traballadores que non foron vacinados por diversos motivos: estar de baixa, vacacións, en comisión de servizo ou ter patoloxías que nun principio eran incompatíbeis coa súa administración.

Diante desta situación, Xan Carlos Ansia Rodríguez, membro do Consello Confederal da CIG e delegado sindical do Comité de Empresa de política Social, procedeu a enviar unha carta urxente ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, solicitando que solucione esta eiva.

Na carta, á que tivo acceso Nós Diario, sinala que a única comunicación que teñen foi unha mensaxe no móbil que se enviou desde un teléfono oficial do Centro no que traballan comunicándolles que a vacina lles chegaría “na data que no seu momento sexa indicada”.

A primeira dose distribuíuse nesa residencia o pasado 12 de xaneiro e a segunda o día 2 de febreiro. A mensaxe avisando ao persoal non vacinado era do 28 de xaneiro.  

“Desde aquela non voltamos ter comunicación sobre a nosa situación para recibir a vacina sendo persoal de residencia de maiores e considerado de primeira liña, e estando xa algúns de nos incorporados no noso posto de traballo”, asegura Ansia Rodríguez.

O sindicalista amosa a súa preocupación na carta unha “transcorrido mais de un mes desde esta comunicación” e con “varias as persoas que xa están incorporadas”. Apunta que  están a convivir no posto de traballo “con usuarias, usuarios e resto de persoal sen ter a adecuada cobertura sanitaria da vacina e ao mesmo tempo con a intranquilidade emocional de non estar adecuadamente protexidas fronte á Covid-19 en plena situación de alertas e olas que veñen a van”.  

Vacinar tamén ao persoal non incorporado

Na comunicación indícase que “noutros centros” en distintas áreas sanitarias “o persoal foi chamado a vacinar a pesar de non estar presencialmente” na súa residencia. “Somos conscientes de que noutra situación habitual non serían chamados por estar de vacacións ou baixas pero estamos nunha pandemia que exixe o reforzo da saúde e da protección para todo o persoal e mais o que atende as persoas maiores que se teñen mostrado totalmente vulnerábeis ao contaxio”.

A carta finaliza solicitando que se proceda “dun xeito inmediato e urxente á vacinación de todo o persoal da Residencia de Maiores de Volta do Castro” e tamén incluír “ao persoal que xa esta incorporado e non o estaba na fase de vacinación deste centro e tamén ao persoal que continua ausente”.