Sanidade defenderá que se poida tomar o sol sen máscara

A Xunta pedirá que non se obrigue a usar a máscara ao tomar o sol se hai distancia persoal (Europa Press)

A Consellaría de Sanidade defenderá no Consello interterritorial do sistema estatal de saúde que se poida tomar o sol sen máscara, tal e como recolle a norma galega, que contempla que esta é obrigatoria nas praias excepto para bañarse ou permanecer tombado na area.

No Consello interterritorial do sistema estatal de saúde, no que están representados o Ministerio de Sanidade e os Gobernos autonómicos, a Consellaría de Sanidade galega defenderá que se poida tomar o sol sen máscara, tal e como recolle a norma galega, que contempla que esta é obrigatoria nas praias excepto para bañarse ou permanecer tombado.

Así o conforman fontes sanitarias, que sinalan que a Xunta da Galiza considera que debe prevalecer a normativa galega polo que tamén piden que a máscara sexa exixíbel durante a realización da práctica deportiva individual ao ar libre, como tamén se inclúe na norma galega.

Esta  cuarta feira, 31 de marzo, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou que o Ministerio e as comunidades autónomas pactaran revisar a lei estatal de 'nova normalidade', publicada a 30 de marzo e que estabelece o uso obrigatorio da máscara a pesar de que se poida manter a distancia de seguridade.

En rolda de prensa tras a reunión do Consello interterritorial do sistema estatal de saúde, a ministra avanzou que se realizará unha revisión técnica desta medida para expor propostas na reunión do consello da semana que vén, co obxectivo de "homoxeneizar" a norma en todas as comunidades.

O texto da lei, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) de 30 de marzo, e que entrou en vigor esta cuarta feira, recolle que se mantén, até o fin da pandemia, a obriga para as persoas a partir dos seis anos de usar máscara na vía pública, en espazos ao ar libre e en calquera espazo fechado de uso público ou que se atope aberto ao público, mesmo aínda que se manteña a distancia de seguridade de 1,5 metros.

En calquera caso, a máscara non será exixíbel para as persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviábel a súa utilización.

Ante a controversia que xerou a medida que impide tomar o sol na praia sen máscara aínda que se estea sen xente ao redor no areal, Darias defendeu "ver se é posíbel, na marxe legal", realizar unha "harmonización e contextualización" da norma que "permita ter unha marxe de actuación". En concreto, segundo a ministra, vai traballar "en elaborar uns criterios técnicos de aplicación da lei", dentro da marxe que deixe a norma.

A ministra admitiu que algunhas comunidades autónomas teñen "distinta normativa", polo que resulta "moi importante homoxeneizar e contextualizar" de novo a lei.

Diferenzas coa norma galega

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, antes da reunión desta cuarta feira explicou, en declaracións aos medios nun acto en Abegondo, que a Galiza conta "cunha normativa de uso específica" sobre a máscara nas praias -non hai que usala tombados na toalla-, "que funcionou ben e é bastante lóxica", así como en prácticas como o deporte -na Galiza é obrigado o seu uso mesmo no deporte individual mentres que na norma estatal non-.

Por iso, resaltou que a lei estatal publicada publicada no BOE "obriga a facer encaixe" na Galiza "con esta normativa extemporánea" e a Xunta vai adaptar" e ver como queda"a súa "en función da estatal". "Temos que axustala", engadiu Comesaña, quen asegurou que a axustarán "nestes días".