A máscara tamén é obrigatoria para tomar o sol na praia

A máscara é obrigatoria sempre en exterior (Foto: David Obach / Europa Press)

O BOE fai obrigatorio o uso de máscara en todo o Estado, tamén na praia, sen excepcións. "Se a máscara é obrigatoria en toda a Galiza, tamén o debe ser na praia", engade o conselleiro de Sanidade da Xunta.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recordou esta terza feira, 30 de marzo, a obrigatoriedade do uso da máscara na praia, ao igual que é obrigatoria en toda a Galiza.

Así se pronunciou o titular de Sanidade do Executivo galego na rolda de prensa do comité clínico desta terza feira, mesma xornada en que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a coñecida como 'lei de nova normalidade', que mantén a obrigatoriedade para as persoas, a partir dos seis anos, de usar máscara na vía pública, en espazos ao ar libre e en calquera espazo fechado de uso público ou que se atope aberto ao público, mesmo aínda que se manteña a distancia de seguridade de 1,5 metros.

Até o de agora a normativa estatal obrigaba o uso de máscara ao ar libre só cando a distancia entre persoas era inferior a 1,5 metros, aínda que existían diversas regulacións autonómicas que modificaban esta normativa dependendo de circunstancias, como no caso da Galiza-

Agora, a nova norma estatal, tan só contempla como excepción a quen presente algunha enfermidade ou dificultade respiratoria, que pola súa situación de discapacidade ou dependencia non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, que presenten alteracións de conduta que fagan inviábel a súa utilización, cando se realice exercicio ao ar libre de modo individual -cuestión non permitida na Galiza- e en supostos "de forza maior ou situación de necesidade".

Con todo, na Galiza o verán pasado permitíase a retirada da máscara na praia cando as persoas estivesen nas toallas -se se podía manter a distancia de seguridade e cando se estivesen bañando-, unhas instrucións nas que a Consellaría se reafirmou o pasado día 18 de marzo a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Mais, esta terza feira, o conselleiro dixo que "se a máscara é obrigatoria en toda a Galiza, tamén o debe ser na praia".

Na rolda de prensa, preguntados polos medios sobre a obrigatoriedade de usar a máscara na praia en todo momento agás no baño, o urxenciólogo Manuel Vázquez Lima, un dos integrantes do comité clínico, chamou a non "baixar a garda". "Todos temos moi claro que o risco máis importante dáse nos interiores, pero en exteriores existe risco. Non tan elevado, pero existe", apuntou.

Así, Vázquez Lima opinou que "non é unha boa idea" relaxar en medidas como o uso da máscara até que a vacinación non estea "expandida".