Sanidade e as comunidades acordan revisar a obriga de usar máscara aínda que se manteña distancia social

Usuarias dunha praia con máscaras (Foto: Europa Press)

O texto publicado no BOE esta terza e en vigor desde hoxe implicaba que a máscara tamén é obrigatoria para tomar o sol na praia.

A ministra de Sanidade, Carolina  Darias, anunciou que o Ministerio e as comunidades pactaron revisar a lei de 'nova normalidade', que establece o uso obrigatorio da máscara a pesar de poder manter a distancia de seguridade.

En rolda de prensa tras a reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS), a ministra avanzou que se realizará unha revisión técnica desta medida para expor propostas na reunión do  CISNS da semana que vén.

O texto da lei, publicada esta terza feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que entrou en vigor hoxe, recolle que se mantén, até o fin da pandemia, a obriga para as persoas, a partir dos seis anos, de usar máscara na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, mesmo aínda que se manteña a distancia de seguridade de 1,5 metros.

Até o de agora a normativa estatal obrigaba o uso de máscara ao ar libre só cando a distancia entre persoas era inferior a 1,5 metros, aínda que existían diversas regulacións autonómicas que modificaban esta normativa dependendo de circunstancias, como no caso da Galiza.

En calquera caso, a máscara non será esixible para as persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

Con todo, na Galiza o verán pasado permitíase a retirada da máscara na praia cando as persoas estivesen nas toallas -se se podía manter a distancia de seguridade e cando se estivesen bañando-, unhas instrucións nas que a Consellaría se reafirmou o pasado día 18 de marzo a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Mais, esta terza feira, o conselleiro dixo que "se a máscara é obrigatoria en toda a Galiza, tamén o debe ser na praia".