Sanidade defende a xestión da Atención Primaria pese ás críticas de colectivos de pacientes

Imaxe de arquivo dunha manifestación das médicas do servizo antes da pandemia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, destacou ademais que hai menos tempo de agarda para renovar os tratamentos. Así respondeu ás críticas do sistema actual por parte do deputado socialista Julio Torrado.

Nin as críticas de plataformas en defensa da sanidade pública e dos propios pacientes nin os argumentos doutros partidos como o do deputado socialista Julio Torrado a respecto dos problemas que está a padecer o servizo de Atención Primaria na Galiza fan que a Consellaría de Sanidade recoñeza que a redución das consultas presenciais está a pasar factura.

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, asegurou hoxe a unha pregunta de Torrado que ao longo do ano pasado o 58% das citas foron achegándose ás consultas das facultativas. Recoñeceu que aumentaron as atencións telemáticas pero non afondou en se iso está a provocar danos ás e aos doentes.

Ademais destacou que, segundo a versión da Xunta, o que se atrasan as consultas para renovar receitas de fármacos foi “inferior a un día”.

Nunha intervención no Parlamento, Aboal insistiu en que as máis de 600.000 citas para receitas que rexistrou o sistema galego tiveron unha espera media “inferior a un día”, algo que Julio Torrado cualificou de “non real”.

O cruce de declaracións deuse no marco dunha pregunta formulada polo socialista respecto das dificultades que están a sufrir as e os pacientes crónicos para renovar as medicacións desde que comezou a pandemia. Vinculou esta situación á decisión do Goberno galego de derivar boa parte das consultas á atención telefónica.

Por iso, segundo Torrado existen “varios problemas na Atención Primaria non presencial”, tales como “grandes esperas nas rúas, demoras nas citas ou a práctica dunha medicina reactiva que se pagará a longo prazo pola tardanza en remitir a pacientes ás especialistas”.

Esta non é a primeira denuncia desta situación, pois xa outras persoas alertan en Nós Diario de que está a falecer xente que non é atendida como corresponde.