Nin as críticas de plataformas en defensa da sanidade pública e dos propios pacientes nin os argumentos doutros partidos como o do deputado socialista Julio Torrado a respecto dos problemas que está a padecer o servizo de Atención Primaria na Galiza fan que a Consellaría de Sanidade recoñeza que a redución das consultas presenciais está a pasar factura.
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, asegurou hoxe a unha pregunta de Torrado que ao longo do ano pasado o 58% das citas foron achegándose ás consultas das facultativas. Recoñeceu que aumentaron as atencións telemáticas pero non afondou en se iso está a provocar danos ás e aos doentes.
Ademais destacou que, segundo a versión da Xunta, o que se atrasan as consultas para renovar receitas de fármacos foi “inferior a un día”.
Nunha intervención no Parlamento, Aboal insistiu en que as máis de 600.000 citas para receitas que rexistrou o sistema galego tiveron unha espera media “inferior a un día”, algo que Julio Torrado cualificou de “non real”.
O cruce de declaracións deuse no marco dunha pregunta formulada polo socialista respecto das dificultades que están a sufrir as e os pacientes crónicos para renovar as medicacións desde que comezou a pandemia. Vinculou esta situación á decisión do Goberno galego de derivar boa parte das consultas á atención telefónica.
Por iso, segundo Torrado existen “varios problemas na Atención Primaria non presencial”, tales como “grandes esperas nas rúas, demoras nas citas ou a práctica dunha medicina reactiva que se pagará a longo prazo pola tardanza en remitir a pacientes ás especialistas”.
Esta non é a primeira denuncia desta situación, pois xa outras persoas alertan en Nós Diario de que está a falecer xente que non é atendida como corresponde.