Sanidade pon como meta chegar a 40% de presencialidade na Primaria en decembro

O conselleiro anuncia 140 prazas novas na Atención Primaria
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe por vez primeira no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe por vez primeira no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

Cinco plenos da nova lexislatura tiveron que transcorrer no Parlamento galego para que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudise á Cámara para dar contas sobre a acción do seu departamento ante a Covid-19 en plena segunda onda da pandemia. 

García Comesaña afirmou que a presencialidade na Atención Primaria "debe aumentar" -fronte á atención sanitaria telefónica que a Xunta priorizou na pandemia- e asegurou que o obxectivo é situala en "40%" a final de ano, recoñecendo o "malestar" que "as dificultades" no acceso telefónico á asistencia sanitaria "están causando en moitas persoas"

A oposición, que vén denunciando na Cámara as dificultades para contactar e solicitar cita nos centros de saúde por mor da redución da presencialidade, recriminou o “xogo de cifras ao conselleiro”, aludindo que o propio Feixoo xa asegurou que a "presencialidade estaba en 50%". 

O punto de maior tensión volveuse dar coa cifras de García Comesaña, logo de este anunciar que se aumentará o cadro de persoal da Atención Primaria con 140 novos postos. Tanto Montse Prado, deputada do BNG, como Julio Torrado, do PSdeG, botaron man da proposta de orzamentos da Xunta para 2021 que antonte entregou o conselleiro de Facenda ao Parlamento para amosar que o incremento de persoal que as contas do Goberno galego marcan é de 87 profesionais máis "e non de 140". Unha cifra que para Prado e Torrado é mostra do escaso aumento de recursos co que a  Xunta quere seguir afrontando a crise sanitaria e a campaña de vacinación da Covid-19. 

Na réplica, o conselleiro non se desdixo e optou por botar balóns fóra e traer ao debate a limitación da taxa de reposición que mantén o Estado español. 

A Sanidade perde peso

Tanto o BNG como o PSdeG criticaron que o orzamento para Sanidade aumente para 2021 por baixo do incremento medio das contas da Xunta (soben 13,8%). Aliás, Torrado comparou ese dato co salto que dan os presupostos para Deporte, con "29% de aumento", e criticou que se "baixen impostos ás casas de apostas". "Podían tirar de aí para aumentar as partidas para Sanidade”, engadiu. Montse Prado tamén lamentou que os orzamentos do Sergas perdan peso no conxunto das contas e criticou o Goberno por facer descargar a xestión da pandemia "no comportamento individual" sen a Consellaría de Sanidade "asumir as responsabilidades que lle corresponden". Nese sentido, aseverou que as restricións "son a solución última cando fallan o rastrexo e a prevención". 

Pola súa banda, Julio Torrado presentou unha moción para reclamar á Xunta que clarifique o número de rastrexadores cos que conta, así como a condición laboral do persoal que traballa na Central de Seguimento de Contactos de Bergondo. Lembrou que este persoal foi subcontratado á empresa Konecta, que ten “conexión persoal con Feixoo”, como revelara no seu día en exclusiva Nós Diario.

A deputada nacionalista tamén criticou "a opacidade do Goberno galego na información sobre o sistema de rastrexo" e o comportamento "errático" da Xunta "na realización de probas diagnósticas e a redución do número de probas PCR en áreas con elevados contaxios".  

Piden residencias específicas para residentes coa Covid

A portavoz de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, propuxo onte no Parlamento un plan de emerxencia para a prevención nos centros de atención residencial que contempla un plan de evacuación das persoas residentes que resulten positivas na Covid-19. Segundo explicou, as e os usuarios de residencias contaxiados serían trasladados “a un centro intermedio para persoas que non precisasen hospitalización ou ingreso” e previríanse así posíbeis gromos.

Tamén exixiu incrementar “de maneira significativa” o número de inspeccións a centros xeriátricos e o persoal. A moción do PSdeG foi rexeitada pola maioría da Cámara ao PP votar en contra pero contou co apoio do Bloque ao aceptaren os socialistas unha emenda a prol da intervención pola Xunta da Galiza de todas as residencias de maiores e da dependencia privadas.

Comentarios