Sanidade culpa ao Goberno español do atraso na vacinación dos efectivos de extinción dos lumes

Uns bombeiros traballan nun lume en Lobios, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Ante as preguntas na Comisión de Agricultura, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, escudouse en que o sistema por franxas de idade e non por colectivos esenciais foi estabelecido desde o Goberno español. Porén, a Xunta si falaba de grupos específicos ao principio da súa campaña de inoculación dos fármacos contra a Covid-19.

As e os bombeiros que integran as brigadas contraincendios da Consellaría do Medio Rural serán vacinados contra a Covid-19 despois do inicio da tempada de alto risco de lumes. Así o alertaban as organizacións sindicais desde hai tempo se ben non foi até esta sexta feira cando se anunciou a futura inmunización deste persoal esencial.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, foi a encarga da informar de que veñen de ser solicitadas as listaxes “dos integrantes dos servizos de prevención e extinción de incendios para vacinalos de forma inmediata en canto os recontos” estean dispoñíbeis.

A representante da Xunta fixo este anuncio no decorrer da Comisión de Agricultura, na que a deputada nacionalista María González Albert preguntou se o servizo era considerado “esencial” pola Xunta para a vacinación e, en tal caso, “por que se incumpriu a estratexia e non se inmunizaron como si ocorreu cos bombeiros urbanos”.

Como resposta, Durán afirmou que o sistema estabelecido polo Goberno galego para a estrutura do tratamento é “a máis eficiente” e culpou ao Ministerio de Sanidade de estipular unha “estratexia nacional” baseada nos grupos de idade e non nos colectivos esenciais.

No entanto, nas primeiras fases da campaña a propia Xunta falaba deses grupos de vital importancia para o correcto funcionamento dos servizos. De feito, comentou que a Consellaría de Sanidade era contraria ao deseño español da campaña.

"Desde Galiza estamos satisfeitos co proceso de vacinación, ao que acoden diariamente miles de persoas", explicou e engadiu que, "superada" a vacinación dos grupos máis vulnerables, o país está en disposición de "priorizar" colectivos como os de extinción de incendios.

"Fai ao redor dunha semana solicitamos as listaxes correspondentes para poder iniciar a vacinación destes colectivos que nos ocupan. Aínda que nos consta que moitos xa recibiron a súa dose (por idade), serán vacinados (o resto) en canto teñamos as listaxes", concluíu.

Un traballo común

En paralelo vaise proceder á inoculación dos fármacos contra o coronavirus entre o persoal non sanitario dos centros de atención a drogodependentes e ás persoas con discapacidade menores de 40 anos.

Respecto dos últimos focos de contaxio, apelou á responsabilidade persoal da cidadanía e a ter en conta que “non só son as medidas farmacolóxicas” as que poden parar o virus, senón que hai que respectar a distancia, o uso da máscara, evitar as aglomeracións e limitar a actividade social.