O persoal de loita contra os lumes segue sen vacinar a piques do inicio da época de maior risco

A representación laboral denuncia a situación do cadro de persoal deste servizo fundamental para o país. En paralelo, Podemos Galicia acusa á Xunta de "falta de compromiso" para loitar contra os incendios forestais.
Un brigadista após a intervención nun lume na comarca de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press) #incendio #compostela #lume #forestal #galiza #spif #prevencióndeincendios #xunta #mediorural #brigadista
photo_camera Un brigadista após a intervención nun lume na comarca de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A central da CIG-Administración Autonómica denunciou esta sexta feira as condicións nas que as e os traballadores das brigadas do Servizo de Protección contra Incendios Forestais (SPIF) afrontan o inicio desta próxima campaña de maior risco de lumes. Segundo o sindicato, a piques do comezo da actividade, os brigadistas da Consellaría de Medio Rural aínda non foron vacinados contra a Covid-19 polo Sergas.

Denuncia esta situación polo risco que van correr ao facer as súas tarefas. A responsábel nacional do sector, Zeltia Burgos, mantivo xuntanzas cos grupos parlamentarios do PP, BNG e PSOE para trasladar a súa preocupación por estas condicións.

Ademais de abordar outros asuntos como a negociación estatutaria dos bombeiros forestais, Burgos criticou que non se saiba nada do tratamento fronte ao virus deste persoal dependente da Xunta. Nin bombeiros nin axentes ambientais "foron vacinados" malia considerarse persoal esencial mentres "outros corpos de emerxencias como protección civil ou aos bombeiros dos parques comarcais" xa foron inmunizados.

“Nesta cuestión todos os grupos amosáronse sorprendidos pola falla de vacinación deste persoal esencial”, apuntou a representante, pois a tempada comeza o día 16 de xuño.

De feito, hoxe mesmo transcenderon dous pequenos lumes. Estes afectan á parroquia de O Bolo, tamén na localidade do Bolo, e á de Laíño, en Dodro. O primeiro fica estabilizado mentres que o segundo foi controlado.

Críticas de Gómez Reino

Nesta mesma xornada o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "falta de compromiso" e "incompetencia" na loita contra os incendios. Así o manifestou despois de saber que o Goberno galego non recibiu ofertas para a contratación dun helicóptero de extinción, polo que a licitación quedou deserta.

Para Gómez Reino esta incidencia "é un síntoma da improvisación dunha institución que ignora a prevención e fomenta o negocio da extinción".