Sanidade confirma o segundo caso de Ómicron 'silenciosa', non relacionado co anterior

Os dous primeiros casos da Ómicron 'silenciosa' rexistráronse na área de Vigo (Foto: Europa Press).
Outros quince casos están a ser estudados sospeitosos de seren portadores desta subvariante da Covid-19.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou esta segunda feira o segundo caso da subvariante Ómicron 'silenciosa' na área de Vigo, o cal non estaría relacionado co primeiro paciente positivo de BA.2 notificado este domingo.

En declaracións aos medios após visitar as instalacións da Asociación de Dano Cerebral (Alento) en Vigo, García Comesaña lembrou que esta subvariante comparte características "aparentemente de levidade" e tamén de "maior transmisibilidade" que a Ómicron.

O titular de Sanidade explicou que aínda se están a estudar outros quince pacientes que poderían ter esta variante, todos eles relacionados co primeiro positivo confirmado o domingo. Con todo, este segundo caso non tería relación ningunha, xa que a persoa afectada procedía doutro país.

A pesar da alta trasmisión destas novas variantes do virus, o conselleiro destacou que son máis leves, aínda que aínda hai uns 600 pacientes ingresados con Covid-19 na Galiza. Mais García Comesaña subliñou que máis de 40% son persoas "con Covid" e non ingresadas "por Covid".

Por iso, indicou que a semana pasada a Xunta da Galiza optou por "relaxar" as restricións após aumentalas durante o Nadal.

"Agora realmente quedan restricións ou recomendacións moi puntuais que, polo de agora, creo que temos que seguir mantendo", afirmou, tras o que engadiu que cada día se diagnostican uns 5.000 casos na Galiza "e aínda segue falecendo xente".

Campaña de vacinación

Por outra parte, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) administrou nas últimas horas outras 627 doses da vacina contra a Covid, das que 171 foron para completar pautas de inmunización, segundo os datos trasladados por Sanidade esta segunda feira.

Así, a Galiza ten administrado un total de 6.453.410 doses, e hai 2.409.647 persoas que xa teñen a pauta completa, o que representa 89,2 % da poboación total do país.