Primeiro caso na Galiza da subvariante Ómicron 'silenciosa' confirmado en Vigo

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Sergas).

O Sergas detectou o primeiro caso de BA.2, subvariante de ómicron coñecida como 'silenciosa', nunha paciente da área sanitaria de Vigo. Ademais, hai outros 15 positivos en estudo relacionados co primeiro.

A Consellaría de Sanidade confirmou este domingo, a través dun comunicado, que o laboratorio de microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo secuenciou a nova subvariante.

Ademais, hai 15 persoas que están en estudo, localizadas nas áreas sanitarias de Vigo e de Santiago-Barbanza. As persoas contaxiadas,  segundo asegura Sanidade, presentas "síntomas semellantes a unha gripe leve" e ningunha delas está hospitalizada.

Difícil de detectar

As publicacións que hai na actualidade sobre esta nova subvariante apuntan que podería ter máis mutacións que Ómicron e que podería ser máis transmisíbel, mais non hai evidencias de que teña unha maior gravidade nin unha maior capacidade de escapar ás vacinas.

Ademais, conta cunha "complicación engadida" respecto a variante Ómicron e é que non ten a detección no xene S, o que segundo Cabezas permitía saber rapidamente se se correspondía ou non a Ómicron ao realizar unha proba PCR. Mais isto non significa que escape aos tests se a persoa está infectada. 

Comportamento semellante

O pasado 27 de xaneiro, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, sinalaba que a evidencia científica dispoñíbel até o momento apunta que a nova subvariante de Ómicron, denominada BA.2, ten un proceder "parecido" á liñaxe dominante na Galiza.

"Veremos como se comporta BA.2. Está en estudo. A información que temos, con toda a prudencia, é que se comporta parecido á BA.1", sinalaba.