Coronavirus Galiza: os casos activos caen en todas as áreas sanitarias até os 53.706

Unha nena leva unha máscara na praia das Salseiras, no municipio da Laracha (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O Consello Interterritorial de Saúde acorda suprimir a obrigatoriedade da máscara no exterior toda vez que se poida garantir o distanciamento mínimo de 1,5 metros.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos consolidados ás 18 horas do domingo, o número de casos activos da Covid-19 na Galiza é de 53.706 (3.951 menos que na xornada anterior).

Por áreas sanitarias, Vigo fica á cabeza con 13.724 (-1.211), seguida da Coruña-Cee, con 11.596 (-764); Compostela-O Barbanza, con 9.390 (-573); Lugo-A Mariña-Monforte, con 5.573 (-343); Ourense-Verín-O Barco, con 5.185 (-486), e Ferrol, con 2.507 (-158).

No que atinxe á presión hospitalaria, actualmente hai 48 pacientes na UCI (+2) e 689 en unidades convencionais de hospitalización (+44). Deste modo, só 0,09% das persoas infectadas require hoxe de coidados intensivos, mentres a taxa de hospitalización xeral é de 1,37%.

Novos contaxios e positividade

Aliás, nas últimas 24 horas rexistráronse no país 2.738 novos contaxios (-341). Todas as áreas sanitarias notificaron menos contaxios novos que a xornada anterior, agás a de Lugo.

Por outra parte, até o de agora realizáronse na Galiza algo máis de 3,6 millóns de probas PCR —case 5.500 nas últimas horas—, 1,44 millóns de test de antíxenos e 1,42 millóns doutro tipo de probas diagnósticas.

A taxa de positividade das probas PCR —número de casos positivos por cada 100 probas realizadas— sitúase en 17,5%, aínda moi por riba do limiar de 5% que fixa a OMS para dar por controlada a pandemia.

Falecementos e altas

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid na Galiza 395.178 persoas, das que 6.595 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas horas. Pola contra, notificáronse 2.976 falecementos, aínda que Sanidade aínda non informou dos decesos das últimas horas.

Os últimos pasamentos foron comunicados este domingo e corresponden á sexta feira. Trátase de tres homes de 80, 81 e 92 anos de idade, que morreron na área sanitaria da Coruña-Cee.

Fin da máscara en exteriores

Por outra parte, o Ministerio de Sanidade e os seus homólogos territoriais acordaron na mañá desta segunda feira, no seo do Consello Interterritorial de Saúde, eliminar a obrigatoriedade do uso da máscara no exterior sempre que se poida respectar o metro e medio de distanciamento de seguridade.

Así o confirmou a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, nunha entrevista concedida a TVE. "Traballamos da man dos territorios e o que facemos é un proceso de escoita activa", sinalou, lembrando que, "afortunadamente", a incidencia da Covid-19 baixou e permitiu "flexibilizar" esta medida.

A nova norma aprobarase mañá no Consello de Ministras, publicarase no Boletín Oficial do Estado (BOE) ao día seguinte e entrará en vigor esta quinta feira.