Sanidade confirma a presenza de mosquito tigre en Cangas

Exemplar de mosquito tigre. (Foto: Nós Diario).
Segundo sinalou García Comesaña, os responsábeis sanitarios xa comunicaron a detección ao goberno local de Cangas, aínda que lembrou que, tanto Cangas como Moaña, Vigo, Bueu ou Vilaboa xa foran notificados de que se intensificaría a vixilancia ao ter constancia da presenza do insecto.

A Consellaría de Sanidade confirmou a presenza de mosquito tigre no municipio de Cangas (O Morrazo), tras a detección de polo menos un exemplar, aínda que insistiu en que, de momento, non supón un problema de saúde pública e seguirá facendo seguimento.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, o conselleiro Julio García Comesaña, durante unha visita ao centro de saúde de Navia, en Vigo.

Segundo sinalou, os responsábeis sanitarios xa comunicaron a detección ao goberno local de Cangas, aínda que lembrou que, tanto Cangas como Moaña, Vigo, Bueu ou Vilaboa xa foran notificados de que se intensificaría a vixilancia ao ter constancia da presenza do insecto.

O titular de Sanidade explicou que a administración seguirá trasladando información, tanto ás entidades locais como aos propios cidadáns, insistindo en pedir "tranquilidade", posto que os exemplares detectados até o de agora non son portadores de ningunha enfermidade e o mosquito tigre "é un vector de transmisión, pero en si mesmo non xera enfermidade".

"Estar pendentes"

Respecto diso avogou por "estar pendentes de novas deteccións" e "traballar" nas medidas xa recomendadas "para que non sexa un problema de saúde, como de momento non o está sendo".

Con respecto ás 'trampas' instaladas, Comesaña apuntou que parecen efectivas, e atraparon un "número razoábel" de exemplares, pero pediu "ser prudentes" e esperar á evolución da situación, coa axuda dos técnicos e da propia poboación (que ten á súa disposición unha aplicación para notificar posíbeis casos), para que "isto quede nunha anécdota de verán".