Sanidade confina un novo buque no porto de Vigo

Imaxe de arquivo do buque confinado. (Foto: Vesselfinder.com)
Detectáronse oito casos positivos por coronavirus entre a tripulación. A embarcación xa estaba en corentena antes de atracar na Galiza. É o segundo barco que corre a mesma sorte por mor da pandemia, pois hai só uns días confirmábanse cinco infeccións no 'Prometheus Leader'. Tres dos casos eran da variante india.

A Consellaría de Sanidade recoñeceu que ten confinando unha segunda embarcación, o Emerald Leader, no porto de Vigo despois de que se detectasen oito casos de infectados polo coronavirus entre a tripulación.

Fontes do Sergas consultadas por Europa Press concretaron que, malia que só hai oito casos activos, todo o persoal -son 23 persoas de países asiáticos, latinoamericanos e europeos- están en corentena dentro do barco.

Ademais puntualizou que os enfermos son asintomáticos pero que os contaxios foron confirmados polo laboratorio VithasLab antes de que o buque chegara a porto. Este barco ro-ro con bandeira das Bahamas procedía do Reino Unido e a seguinte escala era Sagunto (Valencia), polo que aínda non está claro onde puido darse a infección, se nun porto ou entre empregados procedentes dos seus estados de orixe.

Como estratexia de control, xa se encargou ao laboratorio de Microbioloxía do hospital de Vigo (Chuvi) que faga secuencias de catro mostras dos pacientes para aclarar a variante de coronavirus que teñen.

Variante india

De feito, non hai que esquecer que hai tan só uns días tivo a mesma sorte outra embarcación do mesmo tipo de tráfico, o Prometheus Leader, que permanece illado na terminal de transatlánticos viguesa. Neste caso houbo sete casos positivos que, ademais, foron dunha das cepas indias do virus que están a asustar ao mundo.

No caso desta última tripulación, tiveron que ser ingresadas nun centro hospitalario catro persoas e unha delas está sendo atendida na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Na Galiza xa se deran outros casos de infeccións nos barcos, mais sobre todo nos pesqueiros. De feito esta mesma semana anunciouse o inicio da vacinación das e dos pescadores.