A sanidade, dos aplausos ás mobilizacións

Integrantes de SOS Sanidade onte na praza do Toural de Compostela, onde denunciaron once anos de recortes do PPdeG. (Foto: Arxina)
SOS Sanidade concentrouse en vilas e cidades rexeitamento a dez décadas de xestión de Alberto Núñez Feixoo.

"Cos lemas dos carteis quixemos reflectir as consecuencias das políticas do Partido Popular e mais do líder do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, nestes once anos: a absorción de áreas sanitarias coa lei de saúde pública da Galiza, a lei de garantías sanitarias e os beneficios que supuxo para a sanidade privada ou a supresión de camas", explica por teléfono Manuel Dios Diz, médico de Atención Primaria e integrante de SOS Sanidade Pública.

Dios Diz coordinou a concentración, convocada pola plataforma, que onte encheu a compostelá praza do Toural. Tamén Vigo, Pontevedra, o Barbanza, a Mariña ou Verín acolleron actos similares. Mañá, outra manifestación, convocada por sindicatos e outros colectivos da sanidade, percorrerá as rúas de Compostela para demandar estabilidade para as e os profesionais. "Por suposto que a apoiamos", di Dios Diz.

Semanas antes de que a Organización Mundial da Saúde declarase a pandemia, profesionais da sanidade e colectivos civís protagonizaran diversas mobilizacións na Galiza. O feche do servizo de partos no Hospital de Verín converteu a vila no epicentro de sucesivas manifestacións.

Durante os meses máis duros da emerxencia sanitaria, máis dun millar de profesionais deron positivo en coronavirus. Sindicatos con representación na sanidade pública denunciaron en reiteradas ocasións a carencia de material de protección axeitado para o persoal. Após recibiren os aplausos da cidadanía, traballadoras e traballadores saen á rúa para sinalaren as eivas do actual servizo galego de saúde e para defenderen unha sanidade pública "máis precisa que nunca".

O manifesto lido no Toural criticou que a Xunta destinase cartos a habilitar uns hospitais de campaña nunca usados ou o anuncio de bonos de 250 euros para seren empregados polo persoal da sanidade e servizos sociais en turismo ou restauración. Tamén censurou o alto índice de contaxios e falecementos nas residencias de maiores nas que rexistraron brotes, e mais o modelo residencial actual, con 85% de prazas privadas.

"Feixoo di que temos a mellor sanidade, o sistema é o mellor, pero non se dota de recursos", expón Dios Diz, incidindo en que os recortes acumulados nos orzamentos en sanidade nestes once anos ascenden a 1.000 millóns de euros. "En 2014 a redución foi de 20% e en 2015 de 19% respecto ao ano anterior, tamén fecharon mil camas dos centros hospitalarios", di. 

A sanidade privada reclama axudas

A paralización da actividade asistencial e das intervencións cirúrxicas supuxo unha perda económica para as empresas da sanidade privada con concertos co Servizo Galego de Saúde. Por ese motivo, o sector reclama parte dos fondos autonómicos aprobados polo Goberno estatal para reforzar os servizos territoriais sexan destinados. Na Galiza, o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa remitiu o seu apoio aos hospitais privados, que na crise asumiron 9% das persoas hospitalizadas e 7% das derivadas á Unidade de Coidados Intensivos.